A medida tomouse para evitar os puntos máis expostos ao vento. Manteranse os mesmos horarios previstos inicialmente
A Coruña, 3 de xaneiro de 2025.- A Cabalgata de Reis prevista este domingo 5 na Coruña variará
moi lixeiramente o seu percorrido inicial, que ao seu paso polo barrio de Catro Camiños discorrerá
finalmente pola avenida Fernández Latorre en troques da rúa Ramón y Cajal. O resto do traxecto,
con saída desde a rolda Camilo José Cela, en Monelos, e chegada a María Pita, manterase.
Esta medida “tómase co obxectivo de reforzar a seguridade da cidadanía en base ás condicións
meteorolóxicas previstas esta fin de semana e, concretamente, o domingo”, expuxo o concelleiro
Gonzalo Castro. O motivo para este cambio no percorrido inicial é o de evitar as zonas máis
expostas ao vento.
O Concello sigue pendente da evolución meteorolóxica nas próximas horas, mais cos datos
dispoñibles a Cabalgata manterase o día 5 cos horarios previstos e cumprindo con todos os
requisitos de seguridade que segundo os criterios dos técnicos fan viable o evento.
A saída, este domingo ás 18.00 horas desde a rolda Camilo José Cela, en Monelos
A comitiva partirá este domingo 5 desde o barrio de Monelos. Concretamente desde a rolda de
Camilo José Cela, como xa fixo na última edición, ás 18.00 horas.
O percorrido discorrerá pola avenida de Monelos e irá cara Alcalde Pérez Ardá e, xa a
continuación, pola avenida Fernández Latorre e a Costa da Palloza, saíndo cara Linares Rivas e a
praza de Ourense para emprender a marcha final polos Cantóns e a Marina, rematando como
sempre na praza de María Pita, onde os reis saudarán aos nenos e nenas desde o balcón do
Palacio Municipal.
Este ano a Cabalgata de Reis contará con 13 carrozas, seis municipais e sete de patrocinadores,
seis trens e 18 espectáculos escénicos e de animación. Volverá a haber un tren solidario e
participará a Fundación ENKI e un camión de bombeiros. A temática invernal, con fadas, animais,
bonecos de luz e cor, acróbatas, seres máxicos e demais personaxes fantásticas que
acompañarán a Melchor, Gaspar e Baltasar.
Ademais, as e os figurantes que participarán este ano irán vestidos cunha indumentaria inspirada
no ceo e nas estrelas, unha homenaxe polo 40 aniversario da apertura da Casa das Ciencias e o
seu planetario, que se celebrará neste ano 2025.