O programa A Radio Conta converte o Salón de Actos da
ONCE nunha redacción conxunta este domingo
O programa das emisoras da Coruña conmemora o centenario da Radio o 29
de decembro a beneficio do Banco de Alimentos Rías Altas
Volve A Radio Conta. O programa conxunto e anual das emisoras da Coruña
chega este 2024 á súa duodécima edición e faino cunha especial ollada ao
centenario da radio en España.
A solidariedade e a homenaxe á radio local son os sinais de identidade
deste programa, que se emitirá desde o Salón de Actos da ONCE da
Coruña o domingo, 29 de decembro de 16h a 19h. A entrada é libre e
recolleranse donativos voluntarios a beneficio do Banco de Alimentos Rías
Altas. A emisión tamén se poderá escoitar pola frecuencia das emisoras
implicadas.
Un ano máis, Moncho Viña será o encargado de conducir un equipo
conformado por profesionais das emisoras das oito radios públicas e
privadas da Coruña: Radio Galega -que achega a cobertura técnica-, RNE,
SER, Onda Cero, RadioVoz, COPE, Radio Marca e InterCoruña.
UNHA REDACCIÓN DESDE DENTRO
Este 2024, A Radio Conta transformará o escenario da ONCE na redacción
dunha radio, grazas ao guionista Óscar Cruz. Con ese fío condutor,
convidamos ás persoas asistentes a que vivan unha xornada dentro da
propia emisora.
O programa xirará en torno a todos os aspectos derivados deste medio de
comunicación. Así, acompañarannos grandes figuras da radio local e
autonómica como Antón Luaces, Cándido Barral e María Jesús Durán.
Actualizaremos clásicos como o Consultorio de Elena Francis coa sexóloga
Martina González Veiga e rememoraremos a etapa tan creativa das
radionovelas. Grazas a Óscar Cruz, actualizaremos o guión de La Saga de
los Porretas e Matilde, Perico e Periquín, con actores e actrices especiais:
Lucía Veiga, Marita Martínez, David Perdomo e Miguel Mandayo. Amais,
oiremos dúas das partes imprescindibles da radio, como son os técnicos de
son e, como non, unha representación dos oíntes máis fieis para quen a FM
marca o ritmo da vida.
O programa estará cheo de sorpresas, humor e conversas inusuais. Ao longo
das tres horas de emisión pasarán polo salón de actos da ONCE o escritor
Manuel Rivas e deportistas de elite como os medallistas Enmanuel Reyes,
Carlos Arévalo e Damián Ramos, xunto co novo presidente do Comité
Paralímpico español, o ferrolán Alberto Durán. A música correrá a cargo de
Lucía Aldao, Daniel Ayguavives e Xurxo Souto, que fará un percorrido por
algunhas das cancións que se fixeron máis populares grazas á radio.
ALTOFALANTES DA SOLIDARIEDADE
A Radio Conta dará visibilidade nesta duodécima edición ao Banco de
Alimentos Rías Altas. A entidade, fundada no 2010 por un grupo de
profesionais xubilados, recolle alimentos e fainos chegar a persoas
desfavorecidas da provincia da Coruña. A súa actividade permite o substento
de máis de 20.000 persoas, a través de máis de 120 asociacións.
A entrada ao programa é libre e non é necesaria invitación.
Haberá un posto
de venda de material para axudar ao Banco de Alimentos e un punto de
recollida de víveres para quen queira colaborar.