O EMA é unha nova iniciativa que nace co apoio da Xunta de Galicia para sintonizar ao sector musical galego en torno a unha xornada profesional e lúdica aberta a todos os públicos centrada na formación, o debate e o networking
No programa participarán o artista Abraham Cupeiro, co seu singular espectáculo Resoando no pasado e cunha masterclass de creación de instrumentos, e o dúo Soleado, o novo grupo de fusión indie-folk formado polo guitarrista e compositor de Vetusta Morla Juanma Latorre e a cantante e compositora Ester Rodríguez, que participarán nun showcase comentado
O diálogo chegará da man de Laura Iturralde, que moderará a conversa creativa Show Must Go On!: da teoría á práctica dos espectáculos en vivo
Antes, para darlle o pistoletazo de saída á iniciativa, de 07.00 a 09.00h, terá lugar a retransmisión en aberto, con público en directo, do programa de referencia de Radio 3 Hoy empieza todo, guiado pola xornalista Irene Valiente
O acceso a este novo Encontro de Música Aberta (EMA) é libre, con inscrición previa a través da plataforma https://www.paideia.es/encontro-musica-aberta/
A Coruña, 29 de outubro de 2024.- “Estamos en sintonía”. Así chega o I Encontro de Música Aberta a Galicia este mes de novembro: coa idea de sintonizar ao sector musical galego en torno a unha xornada aberta a todos os públicos centrada na formación, o debate e o networking. Deste xeito, esta nova iniciativa da Fundación Paideia coa colaboración da Xunta de Galicia terá lugar o próximo mércores, 6 de novembro, de 07.00 a 14.00h, nos Estudios Mans da Coruña (Polígono de Pocomaco – Quinta Avenida, 91). O acceso a este I Encontro de Música Aberta (EMA) é libre ata completar a capacidade do espazo, con inscrición previa a través da plataforma https://www.paideia.es/encontro-musica-aberta/.
No programa participarán o artista Abraham Cupeiro, co seu singular espectáculo Resoando no pasado e cunha masterclass de creación de instrumentos, e o dúo Soleado, o novo grupo de fusión indie-folk formado polo guitarrista e compositor de Vetusta Morla Juanma Latorre e a cantante e compositora Ester Rodríguez, que participarán nun showcase comentado. O diálogo chegará da man de Laura Iturralde, que moderará a conversa creativa Show Must Go On!: da teoría á práctica dos espectáculos en vivo, xunto aos artistas Marta Verde, Teresa Tresandí e Víctor García Aka Death Whistle.
Antes, para darlle o pistoletazo de saída á iniciativa, de 07.00 a 09.00h, terá lugar a retransmisión en aberto, con público en directo, do programa de referencia de Radio 3 Hoy empieza todo, guiado pola xornalista Irene Valiente.
PROGRAMA I ENCONTRO DE MÚSICA ABERTA DE FUNDACIÓN PAIDEIA
7.00 a 9.00h. Retransmisión en directo de Hoy empieza todo, de Radio 3, con Irene Valiente.
9.00 a 9.30h. Café.
9.30 a 10.45h. Abraham Cupeiro: Resoando no pasado.
10.45 a 11.30h. Abraham Cupeiro Masterclass de construción de instrumentos.
11.30 a 12.00h. Café.
12.00 a 12.30h. Showcase comentado de Soleado.
12.45 a 13.50h. Show Must Go On!: da teoría á práctica dos espectáculos en vivo: Diálogo creativo coa moderadora Laura Iturralde e a participación de Marta Verde, Teresa Tresandí e Víctor García Aka Death Whistle.
13.50 a 14.00h. Peche institucional.
SOBRE O I ENCONTRO DE MÚSICA ABERTA (EMA) DE FUNDACIÓN PAIDEIA
O I Encontro de Música Aberta de Fundación Paideia nace co obxectivo de impulsar a profesionalización da actividade musical emerxente en Galicia e de promover o talento musical emerxente do noso territorio, ademais de apoiar o potencial dos e das profesionais como axentes de transformación social. O EMA busca, tamén, favorecer a participación e a expresión das novas figuras do sector, mellorando os seus coñecementos profesionais e sobre a industria musical da nosa contorna e promovendo as oportunidades de diálogo de artistas noveis con axentes, promotores e outros perfís profesionais relevantes da nosa industria.
O desenvolvemento e a innovación no sector da música emerxente en Galicia é un dos principais valores da Fundación Paideia, feito que impulsa a creación deste I Encontro de Música Aberta (EMA), que reúne a figuras punteiras e recoñecidas da industria musical, nunha aposta polo coñecemento, o intercambio, o debate, o encontro e a reflexión, poñendo o foco dun xeito lúdico e atractivo nas novas tendencias do sector. O EMA está aberto a todos os públicos, profesionais emerxentes ou consolidados, curiosos e amantes da música ao vivo, que busquen descubrir ou profesionalizar os seus proxectos musicais a través de ferramentas como a formación, o debate e o contacto cos principais axentes da industria na actualidade.
O EMA xorde, tamén, co desexo de poñer en contacto aos distintos actores e actrices da industria musical galega, coa fin de facer visible o seu labor como motores do sector. E busca, ademais, crear as condicións necesarias para que os proxectos musicais emerxentes teñan unha maior capacidade de profesionalización, así como os recursos necesarios para a posta en valor do seu talento e potencial, conseguindo maior visibilidade e presenza no mercado.
SOBRE ABRAHAM CUPEIRO
Construtor e multiinstrumentista, o que caracteriza a Abraham Cupeiro é a recuperación de instrumentos perdidos no tempo, que el emprega para crear novas sonoridades e imbricalos en músicas alleas a eles. Abraham Cupeiro no é soamente un músico, é un verdadeiro mestre dos instrumentos, desde o corno de caza ata a zanfona, pasando polo carnyx, instrumento ancestral que Abraham reviviu nos seus concertos. A súa carreira levouno a colaborar con orquestras e artistas de renome internacional, sempre deixando unha pegada única coa súa habilidades para combinar tradición e modernidade. Desde os escenarios máis prestixiosos ata os recunchos máis recónditos, este artista único compartiu o seu pola música con audiencias de todas partes, creando experiencias sonoras inesquecibles.
Resoando no pasado é unha viaxe pola historia da humanidade a través dos instrumentos. Abraham Cupeiro guíanos neste percorrido da man da súa enorme colección de instrumentos milenarios. E faino con moito amor e coa pedagoxía de quen coñece os instrumentos por dentro e por fóra como ningún outro. Porque el mesmo foi quen creou algún dos seus propios instrumentos, como o carnyx ou o cornu, reconstruídos a partir de exemplares encontrados en Pompeya. Resoando no pasado non é un concerto nin tampouco un monólogo, pero Cupeiro combina aquí elementos de músico e contador de historias, nun espectáculo fascinante no que descubrir un pouco máis do ser humano a través das músicas creadas ao longo dos séculos.
Pola súa banda, o obradoiro de creación de instrumentos de Abraham Cupeiro é o sitio no que o público poderá experimentar xunto ao artista na recreación de instrumentos do pasado, xerando, incluso, novos instrumentos que sorprenden polas súas capacidades melódicas e a súa sonoridade. Este obradoiro é, sen dúbida, o proxecto máis coidado polo creador.
SOBRE SOLEADO
Soleado é o novo grupo de fusión indie-folk formado polo guitarrista e compositor de Vetusta Morla Juanma Latorre e a cantante e compositora Ester Rodríguez. O seu novo sinxelo, Los amores perros, emprega unha linguaxe como de canción de verbena, metáforas moi relacionadas co romanceiro e a canción popular (a reixa, o pano, a romaría, o pan e o viño…) que contrastan cun retrouso pop e unha base electrónica. O tema, producido unha vez máis por Pau Paredes, conta coa colaboración das pandereteiras-cantareiras Lilaina (Aliboria).
SOBRE SHOW MUST GO ON!: DA TEORÍA Á PRÁCTICA DOS ESPECTÁCULOS EN VIVO
Este diálogo creativo é un espazo para descubrir a arte do espectáculo a través da experiencia dos seus protagonistas. Dende a creatividade ata a execución, esta actividade moderada por Laura Iturralde invita ao público a formar parte do diálogo e da exploración dos retos e acertos dos eventos en directo, cunha sesión práctica e unha mesa redonda aberta a preguntas e ideas.
Laura Iturralde dedícase á plástica escénica desde 2015, especializándose na dirección de arte para espectáculos en vivo. A súa proposta artística transforma espazos a través da luz, creando atmosferas que enriquecen a narrativa dos proxectos. Colaborou con artistas ou entidades como Mercedes Peón, Brigitte Vasallo, Guadi Galego, Tanxugueiras, David Amor e os Centros Dramáticos Galego e Nacional. Nos últimos anos foi merecedora de seis premios María Casares, destacando a mellor escenografía en 2018 e a mellor iluminación en diversas ocasións, así como o premio nacional Rogelio de Egusquiza en 2021, no que acumula un total de dez nomeamentos nos últimos seis anos.
SOBRE A FUNDACIÓN PAIDEIA
Desde a súa creación en 1986, a Fundación Paideia Galiza ten apostado por converterse en referente na profesionalización e empregabilidade de persoas e sectores vulnerables. Na actualidade, a Fundación Paideia Galiza centra a súa actividade no desenvolvemento de cinco áreas de traballo: emprendemento, formación e divulgación, discapacidade e emprego, mocidade e mobilidade e desenvolvemento territorial.
Dentro da área de emprendemento, vense prestando especial atención á industria musical, ofertando posibilidades de formación, gravación e promoción a bandas e solistas emerxentes galegas e galegos, encamiñadas á profesionalización da súa actividade. Para a consecución deste obxectivo, a Fundación Paideia Galiza organiza, de forma continuada, programas de formación en emprendemento musical, xornadas de divulgación, cursos, masterclass, actividades de titorización e mentoría, residencias artísticas, concursos e certames, que conforman un corpo de accións dedicadas á profesionalización da actividade musical emerxente en Galicia.
Desde o ano 2017, Fundación Paideia Galiza e a Axencia Galega de Industrias Culturais veñen colaborando na procura e definición dunha política cultural innovadora para a industria musical emerxente, tanto en formas como en contidos, mediante o desenvolvemento de ciclos de xornadas profesionais e outras plataformas para a promoción e difusión de proxectos musicais emerxentes.