viernes, 6 de septiembre de 2024

Hugo Guezeta une forzas con Nadie González e Temible Olivina para publicar "Cantare"


O 19 de decembro estará na SALA MARDI GRASEntradas en Enterticket.es

O cuarto adianto do novo traballo discográfico de Hugo Guezeta deixa unha das grandes colaboracións do ano na escena urbana galega. O rapeiro acaba de publicar “Cantare” xunto a Nadie González e Temible Olivina, dúas das grandes revelacións do rap en Galicia. O tema, cunha marcada temática de compromiso social, toca o rap máis clásico con retrousos cantados, aproveitando as dotes vocais de cada un dos protagonistas e explotando así algunhas das maiores virtudes das tres.

“Cantare” nace da necesidade de canalizar as dores e as frustracións mediante a música, e transita polo ego trip combinado co compromiso social que caracteriza tanto a Hugo Guezeta como a Nadie González e Temible Olivina. Este xunte, producido por Peter Petrowski, foi un traballo conxunto moi enriquecedor segundo as verbas de Hugo, xa que ao gravar á vez no estudio produciuse unha retroalimentación entre as catro que axudou a que saíra esta canción, que contén un pouco do talento de cada unha.

O tema ven acompañado dun videoclip gravado por Adrián Diaño na contorna de Sistelo, en Portugal. Baixo un fondo espectacular, as tres rapeiras transitan polos seus camiños para rematar atopándose nun final no que cobra importancia os caraveis vermellos, un claro aceno á Revolução dos Cravos, o movemento que derrocou a ditadura fascista en Portugal, que concorda coa temática social exposta en “Cantare”. Pola súa parte, a portada do sinxelo corre a cargo do ilustrador Milu Torrado.

MÁIS SOBRE HUGO GUEZETA

Hugo Guezeta é un dos rapeiros e letristas máis importantes e talentosos do panorama musical galego. Tras o éxito do seu grupo SonDaRúa, co que chegou a dar máis de 200 concertos por todo o estado, actuando en grandes festivais e enchendo salas históricas como a Sala Capitol de Santiago de Compostela, o rapeiro emprende agora a súa andaina en solitario.

Hugo consolidouse como un dos grandes rapeiros de Galicia non só pola súa pegada en SonDaRúa, xa que intercalou a súa labor no grupo con lanzamentos individuais que acumularon decenas de milleiros de escoitas en plataformas.

O artista galego destaca polas súas letras cargadas de reivindicación e crítica social, así como pola calidade do seu rapeo. Nesta andaina en solitario, Hugo leva as súas letras a un aspecto máis persoal e íntimo, pero mantendo en todo momento esa forte crítica e reivindicación que xa son característicos del. Tamén a súa música evoluciona cara sons máis versátiles e bailables, que posicionan ao proxecto como un dos máis interesantes deste ano dentro do panorama urbano.

O seu primeiro disco de longa duración, gravado e producido na súa totalidade polo produtor Peter Petrowski, sairá a finais de 2024, e “O Noso Tempo”, “Feridas”, “De Volta” e “Cantare” son os primeiros adiantos do mesmo. Nos próximos meses sairán os seguintes adiantos do disco, que se caracterizará por un son versátil e divertido, con letras de carácter persoal sen perder o foco na crítica social reivindicativa, selo de identidade de Hugo Guezeta.