lunes, 23 de septiembre de 2024

Fillas de Cassandra asina ‘Cuando nadie ve’, a canción orixinal da película ‘Soy Nevenka’


O tema poderase escoitar a partir das 00.00 do mércores 25 de setembro nas principais plataformas dixitais, dous días antes da chegada do filme ás salas

O venres 18 de outubro estarán en concerto na Praza do Balneario de Arteixo

Vigo, 22 de setembro de 2024.- Fillas de Cassandra publicará o vindeiro mércores, 25 de setembro, o seu novo sinxelo, Cuando nadie ve. O tema, que se poderá escoitar a partir das 00.00 horas nas principais plataformas dixitais, é a canción orixinal creada polo dúo especificamente para a película Soy Nevenka, cuxa estrea mundial tivo lugar onte, sábado 21, no marco da 72º edición do Festival de San Sebastián. O filme, dirixido por Icíar Bollaín, chegará ás salas de cinema o 27 de setembro.

Cuando nadie ve trátase do debut cinematográfico, como autoras, de Fillas de Cassandra, ámbito no que Sara Faro e María SOA deron os seus primeiros pasos coa creación da música que fiou a celebración dos XXII Premios Mestre Mateo o pasado mes de marzo -un ano despois da publicación do seu primeiro disco, Acrópole-. O compositor Xavi Font, responsable da banda sonora de Soy Nevenka, foi quen falou con Fillas de Cassandra do proxecto, unha proposta aplaudida por Icíar Bollaín, “quen contactou con nós e quen nos deu liberdade absoluta para que desenvolveramos o noso traballo”, sinalan Sara Faro e María SOA.

A canción orixinal do filme naceu da lectura e do estudo do guión da película, asinado pola propia Bollaín e Isa Campo. “Para nós foi moi impactante afondar máis aínda na historia de Nevenka Fernández, tan fiada ao universo e o relato do álbum Acrópole. A nosa gran preocupación durante o proceso creativo era atopar a voz, a sonoridade, as palabras e as harmonías dunha historia tan potente, mais dun xeito elegante e mesurado, sen caer na revictimización”, di Fillas de Cassandra.

“Buscamos que a canción fixera referencia a momentos clave da película ou que incluira, dalgún xeito, reminiscencias da mesma. Por iso no retrouso, ao tomar como referencia a súa decisión, lanzamos unha mensaxe esperanzadora (y si me alejan de mí /vengan todas sin callar); ou cando é obvio que todo o mundo do seu arredor observa o que hai e non se pronuncia, dicimos iso de aquí todos miran / pero nadie ve ”, explica o dúo.

Cuando nadie ve, producido por Fillas de Cassandra, Mumbai Moon e Greta Ch’aska, tamén incorpora uns versos en galego, nos que se fai referencia directa á negra sombra de Rosalía de Castro, “que tamén persegue a Nevenka”. “I en tódalas partes me buscas / i en todas me nombras / os flashes proxectan a forma dunha negra sombra”, canta o dúo, que na gravación da peza contou coa colaboración de Cibrán Seixo no violín e de Margarida Mariño no violoncello.

“Poñer en música e palabras o que viviu foi unha experiencia moi intensa e cremos que non hai un mellor debut posible para nós no mundo do cinema que sendo parte desta película. Estamos moi agradecidas”, aseveran María SOA e Sara Faro.

O tema Cuando nadie ve poderase escoitar nas principais plataformas dixitais desde o día 25, dúas xornadas antes da chegada da cinta ás salas de cinema, o venres 27 de setembro. A première mundial de Soy Nevenka -unha película orixinal Movistar Plus+ producida por Kowalski Films, Feelgood Media, Nva Peli AIE e produción asociada de Garbo Produzioni (Italia)- tivo lugar esta mesma fin de semana no Festival de San Sebastián, no que o filme de Icíar Bollaín competirá, na sección oficial, pola Concha de Ouro.