A compañía de teatro emerxente Código Azul segue a súa andaina coa representación da
súa primeira produción, Tolóptica, que terá lugar o sábado 21 de setembro, ás 20:30 horas,
no Fórum Metropolitano de A Coruña. Tras un exitoso debut, a equipa artística e técnica
trae de novo ao escenario a obra do dramaturgo Ismael Gil Candal, continuando así unha
xira que promete ilusión, talento e paixón pola profesión.
TOLÓPTICA
"Hai algo máis importante ca familia, os amigos ou o amor? Si, e iso é o traballo. Cando o
reloxo nunca se detén, pero a vida si."
No congreso anual de vendedores de primeira de Tolóptica, Leo atopase atrapado nun
palco superior. Outro rapaz aparece sen seguir os códigos da convención, tentando subirlle
os ánimos. Mentres tanto, unha excéntrica presentadora mantén ao público entretido, pero
o éxito do congreso non é o que parece...
Con este leitmotiv, Tolóptica explora a percepción contemporánea do traballo como
elemento central na sociedade, e como pode chegar a deformar o noso concepto de
identidade e realidade. A obra convida ao público a reflexionar sobre as demandas da
competitividade, a autoexixencia e a hiperactividade, e os seus efectos na saúde
psicolóxica, física e ideolóxica.
A proposta escénica de Código Azul, con humor e unha visión crítica, achega unha análise
profunda das dinámicas laborais e das súas consecuencias persoais e sociais. Benvidos
ao mundo dos workaholics.
FICHA TÉCNICA
Intérpretes: Martín Espantoso, Marcos Fernández, Yoli Lorenzo
Dirección: Xosé Leis
Dramaturxia: Ismael Gil Candal
Dirección de arte: Naila Rodsúa
Produción: Martín Espantoso
Agradecementos: Belén Senín
A COMPAÑÍA – CÓDIGO AZUL
Fundada en 2024 por Martín Espantoso, Código Azul nace na Coruña coa intención de dar
visibilidade ás novas xeracións de artistas galegos. A compañía destaca pola súa vontade
de ofrecer unha plataforma cultural que aborda problemáticas sociais contemporáneas
dende unha perspectiva crítica e irónica. A través do teatro, Código Azul propón unha
reflexión sobre valores como a igualdade, a xustiza e a inclusividade, mantendo sempre un
compromiso coa verdade e a didáctica.
PREZO: 9,00 €
Carné Xove, maiores 65 anos e persoas desempregadas: 7,00 €
** Para que se apliquen os descontos é imprescindible presentar o documento que o acredite no momento de mercar a entrada e no acceso ao lugar onde terá lugar o espectáculo.