Os tres primeiros concertos da xira en solitario do rapeiro galego terán lugar en Mos, A Coruña e Santiago de Compostela, en decembro deste mesmo ano
As entradas están xa á venda en Enterticket.es
Tras publicar os dous primeiros adiantos do que será o seu primeiro disco de longa duración, que ten previsto saír a finais deste mesmo ano, Hugo Guezeta pon en marcha a xira “O Noso Tempo”. O punto de partida será a sala Rebullón de Mos (14 de decembro), e xunto a ela confírmanse tamén os concertos da sala Mardi Gras da Coruña (19 de decembro) e a sala Sónar de Santiago de Compostela (21 de decembro). Estas serán as primeiras datas onde Hugo presentará por vez primeira en vivo a súa nova música. As entradas para os tres concertos están xa á venda en Enterticket.es.
O rapeiro completará así a posta en marcha da súa andaina en solitario tras a separación do seu antigo grupo, SonDaRúa. Rematará desta forma o ano 2024, coa publicación do seu primeiro disco de longa duración, rematando a reestruturación e posta en marcha do seu proxecto en solitario e enfocado nun 2025 no que seguirá presentando toda esta nova música en directo. O seu novo son, enfocado en ritmos máis bailables e con temáticas persoais que non perden de vista as reivindicacións sociais que tanto o caracterizan, será o protagonista principal da xira “O Noso Tempo”.
MÁIS SOBRE HUGO GUEZETA
Hugo Guezeta é un dos rapeiros e letristas máis importantes e talentosos do panorama musical galego. Tras o éxito do seu grupo SonDaRúa, co que chegou a dar máis de 200 concertos por todo o estado, actuando en grandes festivais e enchendo salas históricas como a Sala Capitol de Santiago de Compostela, o rapeiro emprende agora a súa andaina en solitario.
Hugo consolidouse como un dos grandes rapeiros de Galicia non só pola súa pegada en SonDaRúa, xa que intercalou a súa labor no grupo con lanzamentos individuais que acumularon decenas de milleiros de escoitas en plataformas.
O artista galego destaca polas súas letras cargadas de reivindicación e crítica social, así como pola calidade do seu rapeo. Nesta andaina en solitario, Hugo leva as súas letras a un aspecto máis persoal e íntimo, pero mantendo en todo momento esa forte crítica e reivindicación que xa son característicos del. Tamén a súa música evoluciona cara sons máis versátiles e bailables, que posicionan ao proxecto como un dos máis interesantes deste ano dentro do panorama urbano.
O seu primeiro disco de longa duración, gravado e producido na súa totalidade polo produtor Peter Petrowski, sairá a finais de 2024, e “O Noso Tempo” e “Feridas” son os primeiros adiantos do mesmo. Nos próximos meses sairán os seguintes adiantos do disco, que se caracterizará por un son versátil e divertido, con letras de carácter persoal sen perder o foco na crítica social reivindicativa, selo de identidade de Hugo Guezeta.