Guadi Galego durante o directo Síntese Horizonte © Cris Padín
A creadora, que vén de recibir o Premio Martín Códax na categoría Canción de Autora, celebra neste 2024 os seus 25 anos de traxectoria musical cun directo expresamente concibido para presentar, ao vivo, en teatros do país
As entradas para o concerto, enmarcado no ciclo Coa Nosa Voz, da Deputación
da Coruña, serán de balde e poderanse retirar desde o espazo web ataquilla.com
A Coruña, 20 de maio de 2024.- Guadi Galego presentará o seu novo directo, Síntese Horizonte, o domingo 2 de xuño no Teatro Colón. A creadora, que vén de gañar na categoría Canción de Autora na 11ª edición dos Premios Martín Códax da Música, chegará á cidade da Coruña cun directo no que festexa os seus 25 anos de traxectoria sobre os escenarios.
Tras realizar unha tríade de concertos de presentación de Síntese Horizonte en Santiago, Ferrol e Pontevedra nos meses de xaneiro e abril, Guadi Galego levará esta proposta ao teatro herculino, no marco do ciclo Coa Nosa Voz, promovido pola Deputación da Coruña, no que tamén participan Uxía, Ugía Pedreira e Antía Muíño. A cita coruñesa será a última data en teatros de Guadi Galedo antes de iniciar a xira de verán e as entradas serán de balde. Os convites poderanse retirar a través do web ataquilla.com.
Síntese Horizonte é unha aposta que fai a propia Guadi Galego pola evolución do seu son, pois con cada disco, e con cada espectáculo, foi aprendendo a desaprender do establecido. Trátase dunha proposta exclusiva coa que pretende sorprender ao público e, á vez, ofrecer unha experiencia musical única e transformadora. Así, neste concerto, a creadora de Cedeira presenta por primeira vez en Galicia os temas do seu último LP, Roibén, mais tamén revisita temas de anteriores traballos discográficos e entoa temas como o seu sinxelo -e xa todo un himno- O.D.A., no que Guadi reivindica o dereito a seguir experimentando.
Neste novo directo, Guadi Galego acompáñase de recoñecidas artistas do país. É o caso da banda conformada por Guillerme Fernández (guitarra acústica eléctrica e sintetizada), Rubén Iglesias (baixo e sintetizadores), Isaac Palacín (batería e percursión), Álex Fernández (teclados) e Paula Romero, Faia Díaz, Inés Salvado e Rocío Jiménez (vocalistas). Ademais, esta nova produción, en colaboración con Culturactiva, destaca tanto pola súa coidada iluminación (de Laura Iturralde e José Faro, de NONONON.LAB) como pola súa posta en escena (de Marina Oural e Ugía Pedreira -Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento).
VINDEIROS CONCERTOS DE GUADI GALEGO
Logo da presentación dos directos de Síntese Horizonte, Guadi Galego iniciará unha xira de verán da que xa se coñecen algunhas das primeiras datas. É o caso do festival PortAmérica, a Festa de Carballeira de Zas ou mesmo do Festival Revenidas.
02/06 - Síntese Horizonte - Teatro Colón, A Coruña.
04/07 - Festival PortAmérica, Portas.
06/07 - Curro da Praza, Muros.
12/07 - Alameda de Carballo.
14/07 - Campo da Feira da Vila, Meis.
31/07 - Por anunciar
09/08 - Bertamiráns, Ames.
10/08 - Festa da Carballeira, Zas.
14/08 - Vilagarcía.
16/08 - Por anunciar
31/08 - Por anunciar
12-13-14/09 - Festival Revenidas.