O novo tema da banda de rock de Sigüeiro estará dispoñible a partir das 00.00 horas do día 8 nas principais plataformas dixitais e estará acompañado dun videoclip que se poderá ver na nova canle de VEVO do grupo
Sigüeiro, 7 de maio de 2024.- “O milagre económico é safar”. Así de clara e explícita é a mensaxe que canta Familia Caamagno no seu novo tema, Milagre económico, canción chamada a se converter noutro himno asinado pola banda de garaxe e rock & roll de Sigüeiro, e que se poderá escoitar desde as 00.00 horas deste mércores 8 de maio nas principais plataformas dixitais.
Milagre economico é o primeiro sinxelo que Familia Caamagno dá a coñecer do seu próximo disco, logo da publicación no 2022 de O mundo está derrotado, e que verá a luz nos vindeiros meses. A canción, gravada e masterizada nos estudios El Castillo Alemán, por Carlos Hernández, é unha crítica ao apetito insaciable do turbo capitalismo, unha idea que o quinteto de Sigüeiro quere confrontar co que, considera, é o auténtico milagre nos tempos que corren: poder ter unha vida sinxela e satisfactoria.
Así, Milagre económico convida ao público a reflexionar sobre o traballo e o esforzo dun xeito cínico e retranqueiro, co humor habitual que acompaña á Familia Caamagno. “O milagre está por ocorrer. Deixa o chollo e vén!”, canta o grupo neste novo tema, que se acompaña dun videoclip, dirixido por Xaime Miranda, e que se poderá ver desde este mércores na canle VEVO (Youtube) da banda.
FAMILIA CAAMAGNO
Familia Caamagno é unha das bandas máis coñecidas do panorama musical galego. O quinteto de Sigüeiro navega na súa obra desde os confíns do garaxe ató o power pop e o rock & roll máis delicado. Calquera que vise un directo de Familia Caamagno pode dar fe da intensidade, o baile e a catarse ao que se somete o público mentres se suceden, bailes imposibles, coros anxelicais e verdadeiros himnos do rock e pop galego dos nosos días.
Dez anos despois da publicación do seu primeiro EP, Hai que andar cos tempos (2014), e de dous LP, Había que intentalo (2019) e O mundo está derrotado (2022), esta primavera a banda presenta Milagre económico, o primeiro avance do seu novo traballo discográfico.
Familia Caamagno estará no AgoraSón da primavera 2024. Será este venres 10 de maio ás 21h00 no Centro Ágora da Coruña. Entrada gratuita previa retirada de invitación nas Bibliotecas Municipais. [+info aquí]