miércoles, 8 de mayo de 2024

Cultura da Deputación presenta “un maio de jazz” con concertos semanais gratuítos no Teatro Colón


O ciclo Maio Jazz comezará o día 11 co concerto de Marcos Coll, e continuará os días 12, 19, 25 e 26 coas actuacións de Xacobe Martínez Antelo Quinteto; Xosé Miguélez & Jean – Michel Pilc Quartet; Miguel Seoane Trío e Charo Quicler & Band

A deputada de cultura, Natividade González, presentou esta mañá a programación, acompañada dos músicos Charo Quicler e Xosé Miguélez
 
As entradas para os concertos poden retirarse de maneira gratuíta na páxina web de ataquilla

A Coruña, 8 de maio de 2024. A área de cultura da Deputación da Coruña presentou esta mañá o ciclo “Maio Jazz”, unha programación de concertos gratuitos de jazz que se desenvolverá durante todo o mes no Teatro Colón. A deputada, Natividade González, foi a encargada de dar a coñecer os detalles do ciclo, acompañada dos músicos Charo Quicler & Band e Xosé Miguélez, que forman parte do programa.

 

Programación


Todos os concertos serán ás 20h, e o acceso é de balde previa retirada de entradas na páxina web de ataquilla. O vindeiro sábado día 11 dará comezo o “Maio Jazz” coa actuación de Marcos Coll, e continuará o día 12 con Xacobe Martínez Antelo Quinteto; o 19 con Xosé Miguélez & Jean – Michel Pilc Quartet; o 25, con Miguel Seoane Trío e o 26 con Charo Quicler & Band.

 

A deputada sinalou que “estamos de noraboa porque comeza o mes de maio e para nós é un referente, aquí no Teatro Colón, porque comeza o Maio Jazz do departamento de Cultura da Deputación". Natividade González animou á veciñanza da provincia a sumarse "a esta gran cita cun cartel único e excepcional, cos mellores artistas a nivel nacional e internacional, e que vai despertar unha gran expectación. De feito, cónstanos que hai xa un número moi importante de entradas reservadas, así que todas as persoas que teñan interese polo jazz, que non se despisten, pois quedan xa poucas butacas lbres para nos acompañar".

 

Pola súa parte, a música Charo Quicler destacou a “repercusión” que supón para “os nosos músicos de jazz”. Agradeceu a oportunidade de poder tocar nun espazo como o Teatro Colón e animou ao público a “disfrutar do mellor jazz”. Tamén fixo fincapé na importancia de apostar polas mulleres artistas no ámbito do jazz, onde “hai unha importante brecha de xénero”.

 

Xosé Miguélez referiuse ao Maio Jazz como un “festival de jazz de referencia, que vai no camiño de convertirse nun dos máis importantes a nivel galego” e felicitou a área de cultura da Deputación por apostar por unha programación “cun equilibrio moi bo entre músicos locais e internacionais”. “É unha honra”, engadiu, “participar neste ciclo que ademais nos brinda a oportunidade de xuntarnos”, e felicitou á Deputación polo bo traballo na promoción do jazz e do talento da provincia.