Tres grandes divas da escena musical actual súmanse á quinta edición do festival coñecido como o ‘Orgullo do Norte’, que se celebrará do 7 ao 14 de xullo
Unha das actuacións máis esperadas do Atlantic Pride 2024 será a da drag Supremme de Luxe para abrir o festival, o domingo 7 de xullo, na Fundación Luis Seoane
Chanel presentará en directo, o sábado 13 de xullo, nos Xardíns de Méndez Núñez da cidade herculina, os temas do seu primeiro disco ¡Agua!, que viu a luz o pasado mes de xaneiro, mentres que a explosión electrónica de Luna Ki poderase gozar o venres 12 de xullo no mesmo escenario, onde presentará o seu último EP Generación de cristal
No Atlantic Pride 2024 participarán, tamén, as figuras eurovisivas Nebulossa, Rosa López, Las Ketchup e Lucía Pérez, ademais de grandes nomes da escena emerxente galega como Mondra, Sila Lúa, O Rabelo e Nenaza, Catuxa Salom, Lontreira e Amoebo
O Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO-, o Concello da Coruña e Turismo da Coruña, co patrocinio principal de Estrella Galicia, Xunta de Galicia e Globalgrafic
A Coruña, 19 de marzo de 2024.- Tres grandes divas da escena musical actual veñen de confirmar a súa presencia na quinta edición do Atlantic Pride. Chanel, Luna Ki e Supremme de Luxe súmanse ao cartel do festival coñecido como o ‘Orgullo do Norte’, que encherá de música e cor a cidade da Coruña do 7 ao 14 de xullo de 2024. A cita anuncia así tres novos nomes, que viaxarán do pop á música disco, da electrónica á bachata, do eurodance ao trap-pop, entre moitos outros sons, a ritmo dos temas máis explosivos e marchosos, para non defraudar aos seus fans.
O Atlantic Pride 2024 acollerá a presentación en directo do primeiro traballo discográfico de Chanel Terrero, ¡Agua!,que viu a luz o pasado mes de xaneiro. Na cita non faltará o seu temazo SloMo, que acadou o flamante terceiro posto no Festival de Eurovisión 2022 celebrado en Turín, ou Clavaíto, a sonada colaboración da artista xunto a Abraham Mateo estreada en 2023. Chanel actuará no Atlantic Pride da Coruña a velada do sábado 13 de xullo, nos Xardíns de Méndez Núñez.
Pola súa banda, Luna Ki chegará á Coruña para reinterpretar as bases do pop a través da fusión de sons como o new wave, o eurodance, o afrobeat ou o trap-pop, coa presentación no Atlantic Pride do seu novo EP Generación de cristal. O traballo é un retrato irónico e emocional da Xeración Z, no que Luna Ki reivindica a fraxilidade como fortaleza e a hipersensibilidade como arma para expresar sentimentos reprimidos. A noite do venres 12 de xullo, tamén no escenario dos Xardíns de Méndez Núñez, a artista abordará, entre outros, temas tan comúns da Xeración Z como o poliamor, os impulsos autodestructivos, a construción do ego, o sexo...
Mentres, unha das encargadas de dar o pistoletazo da saída desta quinta edición do Atlantic Pride o domingo 7 de xullo será nada máis e nada menos que Supremme de Luxe. A celebrada drag, presentadora de Drag Race España e de Drag Race España: All Stars, encherá de descaro e diversión a Fundación Luis Seoane durante a xornada de inauguración do festival.
O Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO-, o Concello da Coruña e Turismo da Coruña, co patrocinio principal de Estrella Galicia, Xunta de Galicia e Globalgrafic. No seu cartel, ademais destas tres grandes divas recién anunciadas, está tamén confirmada a presencia das estrelas eurovisivas Nebulossa, Rosa López, Las Ketchup e Lucía Pérez, ademais de figuras que pisan forte na nova escena galega, como Mondra, Sila Lúa, O Rabelo e Nenaza, Catuxa Salom, Lontreira e Amoebo. Moi pronto, o Atlantic Pride dará a coñecer o seu cartel completo con últimas confirmacións no seu programa previsto para este 2024.
O ORGULLO DO NORTE
A Coruña volverá ser a sede do Orgullo do Norte entre o 7 e o 14 de xullo para celebrar a quinta edición do Atlantic Pride. Neste 2024, o festival propón oito xornadas de música e celebración ao redor da diversidade sexo-afectiva e de identidade na que promete ser, novamente, nunha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular, que moi pronto desvelará novos nomes e actividades. O Festival Atlantic Pride nace en 2019 coa vontade de situar á cidade herculina como a capital do bo ambiente e a celebración sen distincións nin barreiras e, en 2022, regresou á súa esencia con toda a forza, enchendo A Coruña e as súas rúas de música en directo durante oito días. En 2023, o Atlantic Pride logrou alcanzar máis de 100.000 espectadores, marca que a cita se propón bater este ano.
O Atlantic Pride nace na Coruña no ano 2019 como un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva. Está impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- e o Concello da Coruña e Turismo da Coruña, e conta co patrocinio principal de Estrella Galicia, Xunta de Galicia e Globalgrafic. O proxecto, que trata de aglutinar a todas as capas da sociedade coruñesa dentro dunha contorna segura e amigable, desenvólvese en torno a varios días de concertos e actividades culturais, entre elas, o seu Certame de Literatura LGTBI+, coa fin de atraer ao público local e de fóra, como un referente cultural, turístico e social do noroeste.