lunes, 18 de diciembre de 2023

Tanxugueiras fan historia ateigando o Coliseum da Coruña no seu concerto fin de xira

Foto © Javier Bragado

Tanxugueiras pecharon a noite do sábado a súa Xira Midas da mellor maneira posible: Case 9000 persoas foron testemuñas da fazaña das tres galegas, que colgaron o cartel de sold out no Coliseum da Coruña e convertéronse así nas primeiras artistas galegas en encher a sala de concertos máis grande do noroeste peninsular.

Durante case dúas horas de set, Olaia, Sabela e Aida repasaron os seus temas máis coñecidos, en ocasións axudadas pola súa banda (Iago Pico e Isaac Palacín), os seus bailaríns (Artur Puga e Fran Sieira), as súas inseparables pandeiretas, e tamén, contando con colaboradores de luxo. Non quixeron perderse esta festa os seus amigos e compañeiros de profesión Rozalén, Guadi Galego, Rayden, Mondra, Muerdo, Fillas de Cassandra e Valeria Castro, coa que ademais estrearon unha canción inédita anunciando que estará dispoñible o próximo día 29 de decembro.
 

Foto © Javier Bragado

Vestidas para a ocasión por Manuel Escurís, o deseñador galego detrás do vestiario de toda a xira, as tres artistas non pararon de interactuar con todos os asistentes, reivindicando como xa é costume que a cultura popular pode ir da man da modernidade, a liberdade e despachando con este “Derradeiro Diluvio” un concerto xa histórico para a música en galego.

Tras este peche de luxo a dous intensos anos de xira, o traballo non para e, aínda que este concerto marca o fin da etapa de “Diluvio”, xa se están a confirmar as primeiras datas de presentacións en directo para 2024.

Foto © Javier Bragado