miércoles, 13 de diciembre de 2023

O Concello licita as obras de construción do primeiro treito de carril bici no barrio de Novo Mesoiro, que discorrerá pola rúa Illas Sisargas


A nova infraestrutura está formulada de tal forma que lle permitirá ás persoas usuarias continuar o seu percorrido pola senda Mesoiro-Camiño de Campos, en dirección a Feáns

A Coruña, 13 de decembro de 2023.- O Concello da Coruña aprobou a saída a licitación das obras de construción correspondentes ao novo treito de carril bici de Novo Mesoiro, o primeiro que se habilitará no barrio, e que estará comprendido entre as dúas rotondas conectadas pola rúa Illas Sisargas.

Está previsto que esta nova infraestrutura se execute no treito de Illas Sisargas en sentido de saída cara á rotonda de confluencia coa estrada DP-0512. Para a súa construción será preciso reordenar os espazos existentes na vía, xa que o carril bici —bidireccional e cun mínimo de 2,50 metros de ancho—, discorrerá sobre as áreas de estacionamento en batería existentes na actualidade, que se substituirán por aparcadoiros en liña.

A este respecto, e como xa é habitual noutros treitos de carril bici distribuídos pola cidade, haberá cores e pavimentos diferenciados en función do sector de circulación das bicicletas: nas zonas onde o estacionamento pasará a estar en liña, mantense o pavimento de lastros de formigón xa existente; e haberá un reforzo de formigón, coloreado en vermello, en paralelo aos percorridos peonís e paradas de autobús. Todo isto, co obxectivo de reforzar a seguridade das persoas usuarias.

Este primeiro treito de carril bici a implantar no barrio coruñés está formulado de tal forma que lle permitirá ás persoas usuarias continuar o seu percorrido pola senda Mesoiro-Camiño de Campos, en dirección a Feáns.

Unha vez que se adxudiquen os traballos —cun orzamento base de licitación de 138.021 euros—, o prazo de execución das obras correspondentes á primeira fase do novo treito de carril bici en Novo Mesoiro estímase en catro meses.

O novo percorrido crearase na contorna da estación de BiciCoruña

No pasado mes de xuño, o Goberno de Inés Rey puxo en marcha a primeira base do servizo municipal BiciCoruña na rúa Illas Sisargas, próxima á rotonda que conecta coa avenida Novo Mesoiro e as rúas Illas Cíes e Laxe. Conta con 23 ancoradoiros, con cadansúas bases de carga para os vehículos.

Neste sentido, este primer treito de carril bici previsto no barrio estará lindeiro á propia estación, aproveitando as infraestruturas xa construídas entre maio e xuño.

Redución a tres carrís de circulación no sector inferior de Illas Sisargas A construción do novo treito de carril bici en Illas Sisargas tamén suporá a remodelación do sector leste da rúa, o máis próximo á rotonda que conecta coa DP-0512. Neste punto, a creación do percorrido ciclista lindeiro á beirarrúa sur, onde xa non hai áreas de estacionamento e se incrementan os espazos de paso peonil, implicará a redución a tres carrís no referente ao tráfico rodado —haberá dous carrís de circulación en sentido de saída cara a rotonda, e un en sentido de entrada—.

Esta disposición manterase unicamente no primeiro terzo da rúa Illas Sisargas, o máis alonxado do barrio. Xa no percorrido restante volverá a haber catro carrís de circulación — dous carrís de circulación en sentido de saída cara a rotonda, e outros dous en sentido de entrada ao barrio—.

Renovación dos accesos e pasos peonís

En paralelo á construción do carril bici, o Concello ten previsto remodelar os accesos e pasos peonís correspondentes á rede ciclista. Neste sentido, nas zonas de cruzamento coa calzada disporanse resinas de cor vermella sobre o pavimento de mestura bituminosa.

Ademais, tamén se prevé acometer melloras nas beirarrúas, onde se disporán lousas podotáctiles nos accesos aos pasos peonís, en relevo, para facilitar a orientación das persoas invidentes.

Neste sentido, o Goberno de Inés Rey tamén está a valorar a elevación do paso peonil existente no sector central de Illas Sisargas, fronte a dous dos grandes establecementos comerciais da contorna, co obxectivo de reforzar a seguridade peonil neste treito do barrio.