lunes, 18 de diciembre de 2023

Norte Cinema Diverso amplíase a tres días e abre unha sección de curtametraxes en galego


 

O festival de cine LGTBIQ+ Norte Cinema Diverso, que empezou a súa andaina en 2023, xa ten datas para a segunda edición. Serán os días 29 de febreiro, 1 e 2 de marzo de 2024, polo que o certame amplía de dous a tres días a súa duración. Serán tres días, con cinco sesións e un novo encontro con algúns dos artistas e cineastas participantes.

NCD celebrarase un ano máis no teatro Colón e coa mesma idea da primeira edición. “En 2023 superamos as expectativas que tiñamos na organización”, asegura Fernando Cayazzo, codirector do festival.

“Nestes momentos, a asociación Palestra e a cinemateca da Fundación Pedro Zerolo estamos a pechar a programación de 2024. Queremos que cada ano Norte Cinema Diverso creza e sexa máis forte.”

A finalidade da mostra é amosar as diferentes realidades do colectivo LGTBIQ+. “Que mellor que facelo a través do cinema, unha ferramenta fundamental para a transformación da sociedade e un atallo que nos axude a chegar axiña á igualdade real das persoas do noso colectivo”, comenta Cayazzo.

Outra das novidades de 2024 será a sección de curtametraxes en idioma galego. “Todas aquelas obras gravadas en galego, e que non vaian máis aló dos trinta minutos, poden inscribirse antes do 12 de xaneiro. Para participar só é necesario enviar a obra a nortecinemadiverso@gmail.com ", explica Fernando Cayazzo.

Tamén en 2024 entregarase o premio Marieta á mellor curtametraxe, que o ano pasado recibiu Una dedicatoria a lo bestia, dirixida por Nucbeade, formado pola madrileña Quiela Nuc e a coruñesa Andrea Beade.