viernes, 1 de diciembre de 2023

Comunicado da Plataforma pola reciclaxe: “Nostián con Futuro”


Despois das diversas xuntanzas celebradas entre numerosos colectivos veciñais, ecoloxistas e sindicais da Cidade da Coruña. Constitúese unha plataforma á que poden aderirse todos os colectivos que compartan os seguintes obxectivos:

1. Promulgar unha xestión ecolóxica do lixo no que se priorice a reciclaxe e a creación de compost de calidade, e non se permita a incineración.

2. Oporse a implantación do 5o contedor de envases lixeiros, buscando outras alternativas para mellorar o actual sistema de recollida separada.

3. Defender un modelo de ámbito comarcal para a xestión de lixo no entorno da Cidade da Coruña.

4. Fomentar a educación ambiental como ferramenta para mellorar o modelo de xestión de lixo e promover a compostaxe doméstica e comunitaria.

5. Demandar ás administracións transparencia nos procedementos administrativos vinculados á xestión do lixo e maior capacidade de control e fiscalización á nova concesión.

6. Defender os postos de traballo da planta de Nostián.


Esta plataforma, despois das deliveracións postas en común e da celebración dunha mesa redonda o pasado día 20 de novembro no Círculo de Artesáns, chega ás seguintes conclusións sobre o estado da Planta de Nostián e o seu futuro:

- A implantación do 5o contedor, seguindo o modelo promovido pola Xunta no ámbito SOGAMA, non implicaría para a planta coruñesa unha maior reciclaxe pero sí máis custos para os cidadáns e máis ocupación do espazo público.

- O 50% ou algo máis dos residuos que chegan á planta de Nostián teñen como destino final un vertedoiro.

- O funcionamento da planta é inadecuado xa que, por exemplo, non se compostan por separado os restos orgánicos do contedor de tapa marrón, senón que son mesturados cos do contedor de tapa amarela.

- Non hai unha boa separación en orixe xa que unha parte importante dos restos orgánicos seguen indo no contedor de tapa amarela.

- O mal funcionamento da planta conleva un incremento dos custes globais da xestión do lixo.

- Para cambiar esta situación e preciso unha remodelación de todo o sistema de xestión de lixo. É preciso centrar os esforzos en solucións sustentables como o fomento de compostaxe doméstica e comunitaria, mellora da eficiencia na separación en orixe e recollida separada, implantación dunha produción de compost de calidade en Nostián, etc.

- Sen embargo, o actual modelo de Nostián é máis eficiente e funciona mellor que o de SOGAMA. Na planta de Nostián recíclase 4 veces máis que na de SOGAMA.

- Non é certo que a lexislación Europea nin Estatal obrigue a implantacción do 5o contenedor de envases de plástico, xa que tamén está permitida a recollida sen contedores como se fai co modelo porta a porta. Este modelo de recollida sen contedores, está xa moi extendido por toda Europa, e ofrece os mellores resultados posibles.

- A día de hoxe, o Concello da Coruña aínda ten a posibilidade de solicitar a excepcionalidade que prevé a lei e que acordou co Consorcio e por unanimidade no Pleno.

- En poucos anos a lexislación europea obrigará a acadar unha porcentaxe de reciclaxe e non depósito en vertedoiro, que de non acarse conlevará sancións.


A plataforma pola reciclaxe: “Nostián con Futuro” é un colectivo que está constituído actualmente polas seguintes entidades:

Asociación ecoloxista ADEGA, Asociación veciñal, cultural, deportiva e recreativa do barrio da Agra do Orzán, Asociación de vecinos Atochas, Monte Alto y Torre de Hércules, Asociación de veciños Oza Gaiteira Os Castros, Asociación de Vecinos Os Rexumeiros - Castro de Elviña, Asociación de Vecinos Los Rosales, Asociación de Vecinos Monte Martelo, Asociación Vecinos Orzán-Pescadería, Confederación Intersindical Galega, Asociación Vecinal para el Desarrollo Económico y Social - Elviña 2 Fases, Asociación de Vecinos Novo Centro de Matogrande, Asociación Francisco Rodríguez Otero de Labañou-San Roque e Cidade Escolar e Comisión Aberta en Defensa do Común.


Próximas actividades

Esta plataforma ten previsto continuar coas súas demandas e para eso ten preparado un calendario de actividades entre as que se inclúen accións informativas así como outras máis reivindicativas. Dentro destas accións, por exemplo está previsto que se entrevisten con distintos responsables políticos así como unha campaña de recollida de sinaturas.