O programa conxunto e solidario das emisoras da Coruña emítese o sábado, 30 de decembro desde o Teatro Colón
A Radio Conta volve polo Nadal. A undécima edición desta iniciativa
das radios da Coruña estará dedicada a ABAC, a Asociación de
Bulimia e Anorexia da Coruña e a visibilizar a loita contra os
Trastornos da Conduta Alimentaria (TCA).
O programa especial, aberto ao público, emitirase desde o Teatro
Colón da Coruña o sábado, 30 de decembro de 17h a 20h, con entrada
libre. A emisión poderase escoitar pola frecuencia das emisoras
implicadas.
UN PROGRAMA DIFERENTE...
Un ano máis, Moncho Viña será o encargado de conducir un equipo
conformado por profesionais das emisoras das radios públicas e
privadas da Coruña: Radio Galega -que achega a cobertura técnica-,
RNE, SER, Onda Cero, RadioVoz, COPE, Radio Marca e InterCoruña.
Preto dunha trintena de persoas conforman a redacción única e
coral dunha iniciativa que ten como obxectivos a solidariedade e a
homenaxe á radio local.
Nesta undécima edición, estarán no Teatro Colón o humorista David
Perdomo, a artista Cristina Pato, o actor Juanillo Esteban ou os
presentadores Rodrigo Vázquez e Paco Lodeiro. Pasarán polo
escenario o reitor da Universidade da Coruña Ricardo Cao e os
representantes dos grupos políticos na cidade herculina, nun
programa cheo de sorpresas, dinamismo e conversas inusuais.
Ao longo das tres horas de programa, actuarán The Rapants, o
Grupo Fua, Lúa Mosquetera e Namy and The Band. Un ano máis, non
faltará o radioteatro con guión de Óscar Cruz, sen esquecer unha
homenaxe ás figuras da radio e da vida pública galega que nos
deixaron, como Pepe Domingo Castaño ou Arsenio Iglesias.
...E SOLIDARIO
A emisión dará visibilidade nesta undécima edición a ABAC, a
Asociación de Bulimia e Anorexia da Coruña. A entidade leva 27
anos como referencia no tratamento integral dos Trastornos da
Conduta Alimentaria (TCA). No 2023 atenderon no seu centro
terapéutico máis de 200 pacientes con idades comprendidas entre
12 e 64 anos, cunha demanda que se incrementou nun 75%
respecto a antes da pandemia. Ademais de coñecer o labor de
ABAC, o programa dará voz a profesionais, familias e persoas
afectadas por algún destes trastornos.
A entrada ao programa é libre e non é necesaria invitación. Haberá
un posto de venda de material para axudar a ABAC e deixar
donativos. Quen queira colaborar coa asociación pode tamén facelo
a través do Bizum no número 01903.