O EMHU ampliará a súa programación no 2024 para ofrecer 11 xornadas
continuadas de shows nos que participarán as figuras máis relevantes da
escena galega e estatal
A Coruña, 15 de decembro de 2023.- O Encontro Mundial de Humorismo celebrará a súa
cuarta edición do 25 de abril ao 5 de maio na Coruña. O Concello da Coruña volve a
apostar polo EMHU, a cita humorística máis relevante de España, que reunirá en 2024,
durante 11 xornadas, as figuras máis relevantes da comedia galega e estatal.
Serán case unha ducia de días nas que o humor, a improvisación e o impredicible
derrubarán, coma se dunha máquina de demolición se tratara, a realidade en prol do
sorriso, o deleite e a imaxinación. O EMHU regresará aos escenarios coruñeses na
primavera de 2024 potenciando a súa proposta programática. O evento ampliará a súa
duración, que pasará a ofrecer un total de 11 xornadas continuadas de humor, repletas dos
shows máis seguidos do momento, producións propias e espectáculos únicos, que contarán
cos principais nomes da comedia galega e nacional.
Entre as sesións exclusivas que se poderán ver na Coruña, están galas como Fantastic
Colofon ou Humoris Causa, citas nas que o EMHU reúne un elenco de grandes figuras que
se atopan por primeira vez nun mesmo escenario e nas que o público esgota rapidamente
todos os billetes. O humor regresará á cidade da Coruña como unha máquina de
demolición, protagonista do cartel desta cuarta edición, creado polo deseñador gráfico e
ilustrador Riki Blanco, que coroa unha bóla de derriba flotante que esboza un sorriso.
O Encontro Mundial de Humorismo é a cita coa comedia máis relevante e multitudinaria de
España. Figuras como Andreu Buenafuente, Sílvia Abril, Leo Harlem, Eva Hache, Javier
Cansado, Carolina Iglesias, Ignatius Farray, Ana Morgade, Dani Rovira, Juan Dávila, Eva
Soriano, Javier del Pino, Javier Veiga, Oswaldo Digón ou Xosé A. Touriñán, entre outras
moitas, formaron parte do cartel nas súas tres primeiras edicións, nas que o público puido
gozar de espectáculos como Estirando el chicle, Buenismo Show, Saldremos mejores, La
ruina ou La vida moderna.
O Goberno de Inés Rey reforza deste xeito a súa aposta pola cultura e a celebración na
cidade de grandes eventos de diferentes temáticas. A programación de espectáculos do
EMHU completarase con diferentes actividades paralelas, dirixidas a todos os públicos, que
se desenvolverán en distintos recintos culturais da Coruña.