martes, 7 de noviembre de 2023

ARCHAIC PRINT presenta KALLAIKOI – A Galician V.A.


Formato: 2x12”
Data de Lanzamento: 30 de novembro 2023.
Ilustración: Beatriz Albaladejo.
Deseño: Techlicks.
Masterización: Carlos Koschitzky.
Distribución: Melting Pot Records.
Tirada: 200 copias.


Kallaikoi é o termo que se usaba para designar a todos os clanes celtas asentados na antiga Gallaecia (noroeste da Península Ibérica). Eran hábiles na metalurxia e na produción de ferramentas e armas, e adoraban a unha variedade de deidades, algunhas das cales estaban relacionadas coa natureza e a guerra. Aínda que desapareceron como grupo étnico na antigüidade debido á romanización e ás influencias posteriores, o seu legado cultural e a influencia celta en Galicia persisten ata hoxe. De algunha maneira, ese legado atávico perdura entre as fendas do dobre álbum que tes entre as túas mans.

O dobre álbum comeza co Techno de bombos sincopados e matices industriais de The Transhumans con 'Ánima'. Ian Axide propón un Techno robusto e percusivo en 'Antro', e Obseth deixa voar os arpexos en 'Pink Pills'. Estes dous temas deben moito ao Techno que retrotrae aos anos dourados do son monolítico de finais dos anos 90.

A cara B comeza coa heroína local e co-alma mater de Archaic, Proyecto Inopia, que aposta polos ritmos rotundos e as secuencias de sintetizadores afiadas como dentes de tiburón, que parecen render homenaxe tamén a décadas anteriores en 'Hécate'. Mist Gasp segue tamén por unha liña de monotrax metálico en 'Standarte'. E pecha o primeiro 12” Brais con '75', onde dá renda solta a un Techno vs New e Synth Wave cunha mirada cara aos anos 80.

O segundo EP baixa a intensidade e o tempo, e ábrese co Electro apracible e nostálxico de Synth Alien en 'Pakhum'. O local Lefrenk sobe a intensidade e o tempo en arpexos nunha onda Electro-Techno propulsiva en 'Fenix'. E o tamén coruñés Roi contén os beats nunha base electro que despois avanza cara unhas secuencias obsesivas e lacerantes en 'Melusa'.

A última cara do dobre álbum ábrea David Karro con 'Ionosfera', un tema de sintetizadores inquietantes que non precisa beats para conformar o seu carácter hipnótico e nebuloso. 27 003 fúndese cos sons das caixas de ritmos clásicas do Electro en 'Sweet', tamén con claras invocacións IDM e soñadoras. Corrosivo continúa esa liña, con ecos marcados de Sheffield en 'Fast Food'. E o EP péchao Death Whistle cun dos seus habituais opus nos que conviven a escuridade, a beleza e o épico.

Máis info:

Archaic Print Bandcamp:

Archaic Podcast

Twelve Inch