A Coruña, 5 de setembro de 2023.- A banda estadounidense Dinosaur Jr actuarán o sábado
18 de novembro no Teatro Colón da Coruña, nunha das súas dúas únicas actuacións en
España neste ano 2023. O Goberno de Inés Rey aposta deste xeito por unha selecta
programación musical nos espazos municipais como o Teatro Colón.
As entradas para esta actuación xa están á venda desde 25 euros, máis gastos de xestión, a
través de Ataquilla e dos despachos de billetes do Teatro Colón e da praza de Ourense.
Dinosaur Jr está presentando o seu último traballo, publicado na primavera de 2021, ‘Sweep
In Into Space’. Trátase do seu décimo segundo disco de estudio, o quinto desde o seu retorno
aos escenarios no 2007.
A banda formada por J Marcis, Lou Barlow e Murph é un dos grandes referentes do rock
alternativo americano, ao nivel doutras grandes formacións como Sonic Youth ou Pixies, que
tamén visitaron a cidade recentemente. Dinosaur Jr contan cun estilo no que mesturan
grunge, rock alternativo ou noisepop.
A banda visitará por primeira vez Galicia cun concerto máis íntimo do que acostuman, nun
Teatro Colón que, previsiblemente, esgotará os billetes en próximas datas. O Concello da
Coruña, a través da súa área de Fomento e Promoción da Cidade, amosa deste xeito o seu
compromiso coa programación de eventos únicos e de renome durante todo o ano,
aproveitando a súa extensa rede de espazos culturais.