As entradas para a actuación dun dos grandes referentes da gaita sairán á venda a partir de 21 euros
A Coruña, 21 de setembro de 2023.- Carlos Núñez, un dos grandes referentes da gaita a nivel
mundial, actuará no Teatro Rosalía de Castro o vindeiro mércores 13 de decembro. A
actuación pasa a formar parte da extensa oferta cultural e musical programada polo Goberno
de Inés Rey os últimos meses do ano, apostando pola diversidade de estilos para chegar a
toda a cidadanía.
A actuación comezará ás 20.30 horas e as entradas estarán dispoñibles cos seguintes
prezos: patio de butacas, plateas e palcos a 29 euros; anfiteatro, e palcos de anfiteatro a 25 euros; faladoiro e galería a 21 euros; localidades de visibilidade reducida (butacas
comprendidas entre a 37 e a 57 e a 36 e 56 en faladoiro) a 5 euros; e localidades de
mobilidade reducida e con descontos a 21 euros.
Ao longo da súa traxectoria, Carlos Núñez leva vendido máis dun millón de discos en todo o
mundo, obtivo un Premio Ondas, dúas candidaturas en solitario aos Grammy latinos e
numerosos galardóns de distinta índole en todo o mundo. Na Coruña, a súa última actuación
foi o pasado mes de decembro no Teatro Colón, dentro da programación do Nadal do
Concello.
Nesta ocasión, Núñez regresa coa súa nova xira de Nadal, que o levará a diferentes países
europeos e a auditorios de todo o país. A actuación súmase á notable programación do Teatro
Rosalía de Castro, que conta con funcións do Ciclo Principal e do programa TRC Danza ata
finais de ano. As entradas sairán á venda estes días a través de Ataquilla e da billeteira do
propio teatro.