Este mércores remitiuse unha comunicación aos concellos da área, que se abastecen de Cecebre, para limitar os usos non prioritarios de auga
A Coruña, 9 de agosto de 2023.- Ante a declaración de prealerta por escaseza de auga
moderada no sistema de abastecemento dos ríos Mero e Anllóns, e da ría da Coruña,
activada pola Oficina Técnica da Seca da Xunta de Galicia, o Concello da Coruña remitiu
este mércores unha comunicación a todos os concellos da área metropolitana aos que se
suministra auga desde o encoro de Cecebre (Arteixo, Bergondo, Cambre, Culleredo, Oleiros
e Sada), con medidas de concienciación cidadá nos fogares e empresas.
A declaración de prealerta no sistema de explotación do encoro de Cecebre, na cunca do
río Mero, prodúcese debido á súa ocupación por debaixo da media nos últimos anos,
situándose actualmente nun 61,3 %.
Ante esta coxuntura, e dado que a Xunta de Galicia solicitou a implicación dos concellos
galegos para a posta en marcha de medidas de concienciación cidadá sobre a escaseza de
auga e a necesidade de aforro, o Concello da Coruña, a través da Empresa Municipal de
Augas da Coruña (Emalcsa), en cumprimento do Plan de Emerxencias e Xestión do Risco
de Seca no sistema de abastecemento da Coruña, recomenda diversas medidas para o
estado de prealerta vixente. Son as seguintes:
● Concienciación cidadá nos fogares e empresas.
● Limitación dos usos non prioritarios que se detallan a continuación:
○ Redución de baldeos e limpeza de edificacións.
○ Redución do rego en zonas públicas e privadas ao estrictamente necesario.
○ Limitación á hora de encher as piscinas.
○ Peche de instalacións ornamentais e decorativas: peche de fontes.
○ Prohibición do lavado de coches fóra dos establecementos autorizados.
O Plan de Emerxencias e Xestión do Risco de Seca fai fincapé na necesidade de facer
extensivas as medidas ao aforro voluntario en fogares e empresas, así como as
recomendación de restrición de usos non prioritarios, aos concellos usuarios, para que as
medidas en si acaden o efecto agardado.
Ditas medidas entrarán en vigor esta noite do mércores 9 ao xoves 10 de agosto, ás 00.00
horas.