O certame chega ao seu ecuador tras os concertos de Israel Fernández e
Diego del Morao e Temples
A Coruña, 20 de xuño de 2023.- O grupo Allah-Las ofrecerá este xoves un concerto no
Centro Sociocultural Ágora dentro do ciclo Selección Sonora, promovido polo Concello da
Coruña. A actuación comezará ás 20.30 horas (apertura de portas ás 19.30 horas) e as
entradas están á venda a través de Ataquilla e do despacho de billetes da praza de
Ourense.
A historia de Allah-Las remóntase ao ano 2008, cando Mat, Spencer e Pedrum que
traballaban xuntos en Amoeba Records, (a tenda de discos máis célebre en Los Ángeles),
convértense en amigos e deciden formar unha banda grazas ao seu gusto polo rock
psicodélico, o garaxe sesenteiro e o seu amor por California. A banda americana encárgase
de explorar con cautela distintos horizontes sonoros e linguaxes musicais.
A actuación de Allah-Las é a terceira da primeira edición do ciclo Selección Sonora, polo
que xa pasaron Israel Fernández e Diego del Morao (27 de abril) e Temples (16 de maio).
Os seguintes concertos serán os de Valeria Castro (30 de setembro) e The Sonics (6 de
novembro). As entradas para estas actuacións xa están á venda en Ataquilla e no despacho
de billetes da praza de Ourense.
Con este ciclo de actuacións o Goberno de Inés Rey busca fomentar a difusión cultural na
cidade e potenciar os equipamentos municipais dos barrios, como é o Centro Sociocultural
Ágora. O obxectivo da alcaldesa é recuperar o auditorio deste espazo como recinto de
grandes actuacións, apostando por artistas de gran prestixio nacional e internacional.