Educación pecha 6 aulas de ensino presencial de persoas adultas no CIFP Ánxel Casal na familia profesional de Servizos á Comunidade e outra oferta similar en centros de toda Galiza.
- Profesorado e alumnado concéntraranse, de xeito simultáneo, o venres 16 ás 12:00
na entrada do CIFP Ánxel Casal e na Delegación Provincial da Consellería de
Educación e Ordenación Universitaria da Coruña.
- Arredor de 150 alumnos e alumnas, só no CIFP Ánxel Casal, quedarán sen poder
continuar os seus estudos de maneira presencial.
- A tendencia de priorizar a oferta de formación a distancia deixa ao alumnado máis
vulnerable nunha situación de desprotección.
A proposta final de oferta de FP para o curso 2023-2024 enviada pola Consellería de
Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a pesar do publicado nalgúns
medios onde se afirma que aumenta a oferta formativa, na práctica é a conta da eliminación
da oferta formativa dos ciclos, na modalidade modular presencial, da familia profesional de
Servizos Socioculturais e á Comunidade.
Eliminaranse os seguintes estudos da modalidade modular presencial: o Ciclo Superior de
Mediación Comunicativa, C.S. de Educación Infantil e C.S. de Integración Social.
Esta medida afectará, de xeito inmediato e só no CIFP Ánxel Casal, a 149 estudantes que
non poderán continuar cos estudos iniciados (sendo o 89% deste alumnado mulleres,
moitas delas sen posibilidade de acceder a unha formación ordinaria por dificultades de
conciliación). A maiores isto supón unha imposibilidade de poder compatibilizar os estudos
co traballo e/outras circunstancias persoais, o que leva a unha desigualdade real de
oportunidades.
De maneira potencial supón un grave prexuízo para as persoas adultas do Concello da
Coruña, de moitos municipios limítrofes e doutras zonas da xeografía galega.
Eliminar a presenza nas aulas implica que o alumnado se vexa na obriga de estudar en
centros privados ou na modalidade a distancia, abocando á desigualdade e ao illamento
social.
Ante a gravidade destes feitos, que atentan contra os dereitos fundamentais do
alumnado, a comunidade educativa prevé unha serie de actuacións para revocar
estas decisións tomadas de xeito unilateral. En contra do que ditamina a Consellería,
en ningún momento se tiveron en conta as demandas e necesidades reais da
comunidade educativa, sendo ciclos con listaxes de agarda, ademais de ser perfís
profesionais imprescindibles para a calidade de vida das persoas e para garantir a xustiza
social.