viernes, 16 de junio de 2023

Arranca a programación do San Xoán 2023 con oito días de actividades gratuítas nos barrios


‘Celtas Cortos’ actuarán ás 00.15 horas da noite de San Xoán na explanada de Riazor

A alcaldesa, Inés Rey, chamou á responsabilidade e exemplaridade na celebración da noite meiga

A Coruña, 16 de xuño de 2023.- Arranca a programación do San Xoán 2023 con oito días de actividades gratuítas para todos os públicos que se distribuirán polos diferentes barrios da cidade. A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá a programación cultural con motivo da celebración da noite meiga e que comeza esta mesma tarde con actividades nos Xardíns de Méndez Núñez.

A actuación central deste San Xoán 2023 será o concerto de ‘Celtas Cortos’ na explanada do Palacio dos Deportes de Riazor. O mítico grupo de rock fará unha parada na súa xira nacional para poñer a nota musical á noite coruñesa do San Xoán, interpretando os seus temas máis coñecidos como '20 de abril' ou 'Cuéntame un cuento'. Subirán ao escenario ás 00.15 horas, tras a sesión de fogos de artificio e a queima da falla. Antes, ás 22.15 horas, actuará o grupo ‘The Txandals’ para animar a xornada antes de que se prendan.

Inés Rey explicou que se trata dunha programación “ampla e aberta a todos os públicos e que terá tamén presenza en todos os barrios”. Dende hoxe ata o venres 23 de xuño celebraránse actividades de balde para os máis cativos e cativas, como obradoiros de decoración de sardiñas, concertos infantís ou funcións teatrais variadas en diferentes puntos da cidade. En caso de chuvia, haberá lugares alternativos a cuberto. Por outra banda, a fin de semana do sábado 17 e domingo 18 de xuño realizarase no parque de Santa Margarida a tradicional Romaría da man de Xacarandaina. O sábado ás 18.00 haberá unha foliada infantil á que lle seguirá ás 21.30 horas o concerto de Lagharteiras. A partir das 22.30 horas, comezará a foliada para persoas adultas que contará con diferentes grupos tradicionais. O domingo pecharase a romaría a partir das 12.00 horas coas actuacións dos distintos grupos da agrupación Xacarandaina.

Como é tradición, o sábado 17 tamén se fará a tradicional sardiñada popular que acompañará á Romaría de Xacarandaina. O horario será de 19.00 a 23.00 horas e o prezo por prato de sardiñas é dun euro con pan e auga ou viño.

O xoves 22 a Asociación Cultural Donaire ofrecerá unha ruada, que irá desde o Obelisco a María Pita a partir das 19.00 horas. Ese mesmo día, a Banda de Música Municipal actuará en San Andrés co programa ‘Músicas de Ballet, a partir das 20.00 horas. A Banda estará dirixida por Juan Miguel Romero Llopis.

O xoves 23 de xuño, nas horas previas á noite de San Xoán, tamén haberá varias actividades. Durante a mañá, desde as 11.00 horas, no Campo da Leña haberá obradoiros de decoración de sardiñas e herbas de San Xoán, actuacións teatrais e o concerto de Pablo Díaz Trío ás 13.00 horas. A queima da falla será ás 00.00 horas logo da tirada de fogos de artificio, que será ás 23.50 horas. O concerto de Celtas Cortos pechará a programación cultural deste San Xoán.

Pautas de seguridade

A alcaldesa deu conta das diferentes pautas de seguridade a cumplir con motivo da celebración de San Xoán. No canto das sardiñadas, churrascadas e similares trasladou que durante a noite de San Xoán (do 23 a o 24 de xuño) están permitidas, sen necesidade de comunicación, as sardiñadas e churrascadas en espazo público que non ocupen calzadas nin entorpezan a circulación de vehículos. Deberanse realizar entre as 13.00 e as 16.00 horas e entre as 20.00 e as 00. horas e cumprir coas medidas de seguridade. As beirarrúas deberán quedar libres para permitir o tránsito peonil e o lume conservarase en pequenas dimensións, de forma que poida ser controlado en todo momento. O resto deben realizar unha comunicación previa por escrito á Área de Seguridade Cidadá, cunha antelación mínima de 48 horas da realización da actividade. Na web de Seguridade Cidadá está toda a información. Será obrigatorio limpar o espazo autorizado despois de que remate a actividade.

No canto das fogueiras, na noite de San Xoán autorízase realizar lumeiradas en espazos de titularidade pública. Para isto, será preciso que as persoas interesadas presenten unha comunicación previa por escrito á Área de Seguridade Cidadá de forma presencial ou online. Toda a información está na páxina web de Seguridade Cidadá.

O horario para baixar o material para as fogueiras das praias da cidade será a partir das 19.30 h do día 23 de xuño. O reparto de madeira a pé de praia producirase ás 19.00 horas e repartiranse 120 toneladas de madeira para uso público. As fogueiras non poderán ter una altura superior á que determinen os servizos de urxencias e seguridade municipais que as inspeccionen, e que en todo caso estará en función da súa localización, das distancias aos edificios e a outros elementos da contorna.

Por motivos de seguridade, as fogueiras só se poderán acender protexendo o chan cunha capa de area mínima de 10 cm de espesor ou materiais semellantes. Non se poderán realizar fogueiras preto de colectores de toda clase de residuos, vehículos, vivendas etc. (deberán manter sempre unha separación mínima de 5 metros). Non está permitido o uso de combustibles líquidos nin de acelerantes. Así mesmo, está prohibido queimar plásticos, cauchos, rodas, colchóns, madeira lacada, gomaespuma e outros obxectos que poidan producir gases tóxicos, especialmente na praia, onde tampouco se queimarán mobles nin obxectos voluminosos e madeiras que leven puntas ou cravos.

Nas zonas de exclusión non se poderá prender lume de ningún tipo. Son zonas de exclusión onde non está permitido facer lume: a totalidade do trazado do oleoduto e gaseoducto de alta presión, o Parque de Bens incluíndo a praia de Bens, o Monte de San Pedro, os Xardíns de Méndez Núñez, os Xardíns de San Carlos, a praza das Bárbaras e a contorna da Torre de Hércules, incluído o merendeiro das Lapas, a praia das Lapas e as calas dos Moros e de Durmideiras, sen prexuízo de que os servizos de Seguridade poidan designar algunha outra zona baseándose en criterios de protección das persoas e os bens públicos.

A alcaldesa fixo un chamamento ao civismo e á responsabilidade, especialmente no relativo á reciclaxe. Explicou que está prohibido trasladar colectores de residuos e cambiar a súa localización debido aos desaxustes que isto causa na recollida de lixo durante os días posteriores ao San Xoán. “Tampouco está permitido baixar con vidro ás praias e os residuos depositaránse nas zonas de recollida habilitadas para tal fin nos accesos ao areal” sinalou. En relación ás praias, a alcaldesa explicou que o día 23 de xuño se pechará a circulación no Paseo Marítimo, na zona das praias de Riazor, Orzán e Matadoiro desde as 19.00 h. O baño nas praias da cidade estará prohibido desde as 22.00 h do día 23 de xuño até as 9.00 horas do día 24 de xuño. Os servizos de seguridade e urxencias restablecerán o tráfico segundo evolucionen as previsións dos ditos servizos.

Con carácter xeral, o Concello autoriza a ampliación do horario dos establecementos de ocio e hostalería en dúas horas, autorización que deberá solicitarse expresamente. 

Dispositivo especial de seguridade

Este ano, o Concello da Coruña contará cun dispositivo oficial de seguridade cun total de 656 efectivos entre servizos de seguridade e urxencias municipais. O Centro de Mando Móbil volverá estar instalado na Coiraza e o dispositivo comezará oficialmente ás 05.30 horas do día 23 de xuño. O dispositivo funcionará a pleno rendemento ata as 06.00 horas do 24 de xuño, cando se desaloxarán as praias para a súa limpeza. “Pregamos colaboración cidadá para que ás 6.00 h do 24 de xuño as praias estean libres e que o servizo de limpeza poida levar a cabo as actuacións necesarias para habilitar a praia para o seu uso” sinalou Rey. Este ano a vixilancia reforzarase por primeira vez co uso dos dous novos drons da Policía Local.

Manteranse as localizacións dos servizos de anos anteriores, como o posto médico avanzado da Cruz Vermella ou as cámaras de vixilancia dispostas ao longo do paseo marítimo. Ademais, haberá nas praias un servizo especial de salvamento e socorrismo, que disporá de dúas embarcacións para emerxencias. Tamén haberá vixiantes de seguridade nos accesos ás praias de Riazor, Orzán, As Lapas e en Punta Herminia, nestes dous últimos espazos para evitar a entrada de persoas, xa que están prohibidas as cacharelas para salvagardar o patrimonio da contorna.

Transporte público

Establecerase un dispositivo especial de transporte público que consiste na posta a disposición de oito liñas especiais que comunicarán os barrios coa praza de Pontevedra. Terán cada unha delas unha frecuencia de 10 minutos ata as 02.30 horas.

O servizo nocturno estará operativo entre as 03.00 e as 06.30 horas cunha frecuencia de 30 minutos. Os tempos son aproximados e poderían variar en función do tráfico. As liñas que estarán dispoñibles durante a noite de San Xoán serán: 1, 1A, 3, 6, 7, 11, 21 e unha circular entre a Cidade Vella e Monte Alto (3A). Ademais, o servizo nocturno, con saídas cada media hora, seguirá o seu itinerario habitual. O obxectivo é conectar todos os barrios da cidade coa praza de Pontevedra e permitir un desprazamento cómodo e seguro da cidadanía.

Puntos violeta

O Concello da Coruña habilitará catro puntos violeta no Paseo Marítimo. Un deles será fixo, na zona das Escravas, e como novidade disporemos de tres puntos violeta móbiles que rondarán o Paseo Marítimo, desprazándose polo espazo no que se celebre a festa. Un dos puntos móbiles quedarase como referencia fronte ao Palacio dos Deportes de Riazor durante a celebración dos concertos na explanada. O horario de atención será das 22.00 horas do 23 de xuño ás 05.00 horas do 24 de xuño, aumentando unha hora máis o servizo con respecto ao ano pasado. Trátase de espazos seguros que lle ofrecen información á cidadanía en xeral e asesoramento e atención psicolóxica ás adolescentes e mulleres en materia de violencia machista, sobre todo aquelas relacionadas coa violencia sexual. A alcaldesa lembrou que esta foi unha medida pioneira neste primeiro mandato. “Por primeira vez puxéronse a disposición como puntos de atención e non só de información co obxectivo de dar unha resposta máis rápida ante posibles casos de violencia machista” explicou a alcaldesa. Con esta medida o Concello da Coruña contribuirá a favorecer o goce da Festa de San Xoán en condicións de Igualdade.

Programación cultural do San Xoán 2023

VENRES 16
Xardíns de Méndez Núñez (En caso de choiva, no Centro Cívico da Cidade Vella)
18.00 h - Tigre de papel / Obradoiro de decoración de sardiñas
19.00 h - Peter Punk e Brais das Hortas / Concerto punk infantil

SÁBADO 17

Parque de Santa Margarida
18.00 h - Foliada infantil con Xacarandaina, Son D’Aquí e grupo San Pedro de Nós
De 19.00 a 23.00 h - Sardiñada popular / Prezo: 1 € con pan, auga ou viño
21.30 h - Concerto Lagharteiras
22.30 h - Foliada cos grupos de Xacarandaina, Donaire, Santaia de Santa Cruz, Abaladeiras de Muxía, Santiaguiños de Boimorto, Cantigas e Agarimos de Santiago, Arume de Caión, Alxibeira de Narón e Carcaxía de Malpica

Praza Elíptica (En caso de choiva, no Eentro Cívico dos Rosais)
19.00 h - Danthea teatro / A carapuchiña vermella

Praza de Vigo (En caso de choiva, nas cúpulas acristaladas da praza)
19.00 h - Pakolas / Rockeando coa Ramona

Praza de Tabacos (En caso de choiva, no Fórum Metropolitano)
19.30 h - Caramuxo Teatro / Pavillón lino

DOMINGO 18

Parque de Santa Margarida
12.00 h - Romaría do lecer / Clausura de actividades de Xacarandaina con todos os seus grupos de baile e música

Praza dos Avós (En caso de choiva, no Centro Cívico de Montealto)
19.00 h - Ghazafelhos Teatro / As minas do Rei Salomón

Praza das Bárbaras (En caso de choiva, no Centro Cívico da Cidade Vella)
19.00 h - Náufragos / Hugo

Praza do Humor (En caso de choiva, nos soportais do Palacio Municipal de María Pita)
19.30 h - Xampatito pato / Só

LUNS 19

Praza dos Mariñeiros (En caso de choiva, no Centro Ágora)
19.00 h - Elefante elegante / Cubo

Praza Pablo Iglesias (En caso de choiva, Centro Cívico do Castrillón)
19.00 h - Pedras de cartón / Quixote

Praza da Tolerancia (En caso de choiva, no Centro Cívico de Labañou) 
19.30 h - Baobab Teatro / Puño puñete

MARTES 20

Parque de Santa Margarida, escaleira da Casa das Ciencias
19.00 h - Os contos de Pablísimo / Coabicivai

Praza de Azcárraga (En caso de choiva, no Centro Cívico da Cidade Vella)
19.00 h - Caxoto e Marc Taeguer / Contos debuxados, debuxos contados

Praza de Pontevedra (En caso de choiva, na Biblioteca Durán Loriga)
19.30 h - Medhi Beduin / Maurice

MÉRCORES 21

Centro Cívico de Novo Mesoiro
19.00 h - Títeres Mircromina – Raio de Loubicán

Cúpula de Eirís
19.00 h - Sempre arriba! – C ́est pas possible

Rúa Gaiteira (En caso de choiva, no Fórum Metropolitano)
19.30 h - Paco Nogueiras / Canto Contigo

XOVES 22

Centro Cívico de Palavea
19.00 h - A maga Fani e Martín Camiña / Antoloxía de despropósitos

Parque de Oza (En caso de choiva, no Centro Cívico de Monelos)
19.00 h - Artestudio teatro / Avó

Do Obelisco á Praza de María Pita
19.00 h - Ruada da Asociacion Cultural Donaire

Parque de Vioño (En caso de choiva, Centro Cívico da Sagrada Familia)
19.30 h - Pérez&Fernández / Picnic

Praza de San Andrés
20.00 h - Concerto da Banda Municipal de Música da Coruña

VENRES 23

Campo da Leña (En caso de chuvia, Centro Cívico da Cidade Vella)
11.00 h - Tigre de papel / Obradoiro de decoración de sardiñas
11.00 h - Taller de herbas de San Xoán
13.00 h - Actuación de Pablo Díaz Trío
17.00 h - Compañía Mar Rojo Teatro - A biblioteca de eme
18.00 h - Inventi teatro - A tropa do Doutor Milagre

Praia de Riazor
19.00 h - Fogueiras de San Xoán
22.15 h - Concerto de The Txandals
23.50 h - Espectáculo de fogos de artificio
00.00 h - Queima da falla
00.15 h - Concerto de Celtas Cortos