Despois do ‘Luar’ deste venres, ofrecerase o programa
‘En Xogo: Arsenio Iglesias, unha vida de fútbol’, realizado en 2016,
que contou coa presenza no estudio do ‘Bruxo de Arteixo’
A programación deportiva da G2 terá moi presente a súa figura e o domingo
pola tarde, na primeira canle, emitirase o especial ‘Arsenio, un adestrador da vida’,
que amosa o lado persoal dun dos adestradores máis queridos do mundo do fútbol
Santiago, 05.05.2023.- Con motivo do falecemento do exadestrador do Deportivo da
Coruña, Arsenio Iglesias, a Televisión de Galicia altera esta fin de semana a súa
programación para renderlle homenaxe ao coñecido como ‘Bruxo de Arteixo’. Despois do
programa ‘Luar’, que este venres o lembrará moi especialmente, a TVG ofrecerá o
especial ‘En Xogo: Arsenio Iglesias, unha vida de fútbol’, realizado en 2016, que contou
coa súa presenza no estudio de gravación.
Durante toda a fin de semana, a programación deportiva da G2 e da Radio Galega
terá moi presente tamén a figura do adestrador coruñés, o de maior influencia directa no
terreo de xogo nos 116 anos de historia do R. C. Deportivo.
A partir das 16.30 h do
sábado, a segunda canle de televisión e o ‘Galicia en Goles’ da RG estarán en directo no
estadio de Riazor, onde se disputa o partido Deportivo da Coruña-A. D. Alcorcón, nunha
retransmisión que lembrará a esta lenda do deportivismo falecida este venres aos 92 anos.
Ademais, o domingo, despois do ‘Telexornal mediodía’, emitirase o programa
‘Arsenio, un adestrador da vida’ (15.35 h), que amosa o lado máis persoal dun dos
adestradores máis populares e queridos do mundo do fútbol.
Descubrirá, ademais, datos e
anécdotas curiosas da vida de Arsenio Iglesias grazas ao testemuño dalgunhas das súas
persoas máis próximas.