O xurado escolleu a proposta nun concurso ao que se presentaron 14 proxectos
O deseño bioclimático do complexo, adaptado á climatoloxía da cidade,
inclúe a creación dun gran atrio central no edificio, aproveitando a luz
natural para iluminar os espazos interiores
A Coruña, 31 de maio de 2023.- O xurado do concurso de ideas convocado para definir o
novo mercado de Santa Lucía vén de escoller a proposta gañadora do mesmo, un proxecto
presentado polo estudo Burgos & Garrido. Os gañadores redactarán agora o proxecto de
execución, ademais de asumir a dirección de obra para a remodelación do recinto. Segundo
os pliegos do concurso de ideas, teñen un prazo de catro meses para a presentacións dos
proxectos básicos e de execución.
O novo Santa Lucía, tal e como anunciara a alcaldesa, Inés Rey, compatibilizará nun só
espazo, con accesos diferenciados, tres usos: será centro de saúde, centro cívico e
mercado municipal. Para este último resérvase unha superficie de 400 metros cadrados.
A convocatoria do concurso de ideas formaba parte do convenio entre administracións para
a construción do novo edificio, convenio polo cal a Consellería de Sanidade asume o custe
do centro de saúde, cuxa construción era unha vella demanda veciñal e tamén un
compromiso do Goberno municipal. O investimento preciso para o resto do recinto (mercado
e centro cívico) corre a cargo do Concello, que xa conta con 3 millóns de euros procedentes
de fondos europeos Pirep para ese fin.
Ao concurso de ideas presentáronse un total de 14 propostas. A de Burgos & Garrido
valorouse pola súa aposta pola eficiencia enerxética do inmoble, ademais de ter en conta os
materiais da fachada e a cuberta, así como a redistribución dos espazos interiores, para
aproveitar a luminosidade natural da contorna, mantendo o espírito lixeiro e industrial que
inspirou a antiga estrutura do recinto, obra de Manuel Gallego Jorreto.
O estudo Burgos & Garrido, como gañador do concurso de ideas, obtivo o primeiro premio,
de 20.000 euros. Os segundos mellor valorados foron Jorge García Anta e Fernando Eiroa
Lorenzo, que recibirán 15.000 euros. Ademais, dous accésits de 5.000 euros cada un que
recibirán Manuel Vázquez Muíño, con OLA Arquitectura; e Fernández Carballada e
Asociados, SLP con Nula Estudio.
Segundo o plantexado, no soto estará ubicado o mercado de abastos, onde se habilitarán
tres zonas diferenciadas para os postos e áreas de restauración. Ademais, xa separado do
mercado, disporase un área de estacionamento, así como un circuíto interior para o acceso
de vehículos desde a rúa Inés de Castro, con saída cara ao pasadizo Pernas.
“Tiñamos o compromiso cos veciños da Falperra de sacar adiante este proxecto e
cumplímolo. Xa temos o deseño e tamén os fondos, e contamos con poder licitar a obra no
curto prazo para que o novo Santa Lucía sexa unha realidade durante o mandato que agora
comenza”, indicou a alcaldesa.
A proposta incluída no proxecto básico valora dúas posibilidades no referente á distribución
da superficie no soto: unha, na que o mercado de abastos ocuparía 428 metros cadrados e
habería 11 prazas de estacionamento; e a segunda opción, na que o mercado contaría con
353 metros cadrados, o que implicaría un incremento dos espazos destinados a
estacionamento, con 16 prazas.
Entre o primeiro e o segundo andar do edificio estarán situadas as instalacións do centro de
saúde, que acollerá diversos espazos destinados á área médica —cunha sala de toma de
mostras, outra polivalente, unha consulta de urxencias e outras de medicina e enfermaría
xeral—, área pediátrica —con consultas de pediatría—, área da muller —con consultas de
matrona, aseos e cambiadores—, así como estancias habilitadas para acoller as áreas de
administración, arquivo, persoal e usos comúns.
O estudo Burgos & Garrido conta con ampla experiencia nos deseños de infraestruturas
sanitarias, recentemente gañou tamén o concurso para o deseño do novo Hospital La Paz,
en Madrid.
Os espazos reservados para o centro cívico de Santa Lucía situaranse nas alturas
superiores do inmoble, e abranguen unha nova sala polivalente, un auditorio, unha sala de
reunións, un espazo para a xestión de libros, almacéns e aseos.
Un atrio central como “corazón do edificio”
Tanto o mercado como o centro cívico e o centro de saúde contarán con accesos totalmente
independentes, mais pola vocación colectiva do edificio está previsto crear un gran atrio
central, aberto á recepción da luz natural.
A este respecto, está previsto que as instalacións se adapten á recepción de fontes de
enerxía renovable, polo que o proxecto plantexa un deseño bioclimático adaptado á
climatoloxía da cidade.
Ademais, a proposta gañadora do concurso de ideas abrangue a disposición dunha nova
envolvente térmica, á que se dará forma cunha folla principal de panel prefabricado de
entramado de madeira recheo dun illamento de celulosa. No exterior estará revestida cunha
fachada ventilada composta por un panel de lana de roca e revestimento de granito.