jueves, 25 de mayo de 2023

Nota de prensa da Asociación veciñal Uxío Carré de Eirís

A ASOCIACIÓN VECIÑAL DE EIRÍS PIDE ÓS PARTIDOS POLÍTICOS SENTIDIÑO... E QUE REFLEXIONEN SOBRE O FUTURO DA CIDADE

Neste tramo final da campaña electoral a asociación veciñal pide ós partidos que esquezan por un momento as campañas de márketing, os titulares de campaña e as fotos. Manifestan que a cidadanía precisa que pensen no futuro. Na cidade e na comarca que van deixar para o futuro, e polo que serán lembrados e xulgados nos próximos anos.

Falan do futuro do CHUAC e da súa polémica ampliación que durará varios anos nos que tanto profesionais, doentes e familias coma a veciñanza terán que convivir con unhas obras que cualifican de faraónicas durante moitos anos, con todas as complicacións que isto pode supoñer para a vida interna no propio hospital, como a nivel de trafico e mobilidade. Toda a cidadanía da Área Sanitaria A Coruña-Cee verase afectada polas obras de ampliación do que chaman o “Vello CHUAC”, e polo peche do centro de Especialidades do Ventorrillo, o Hospital Materno-Infantil, o Hospital Oncolóxico, e de parte do Hospital Abente y Lago.

Destacan que se leva dando voltas a un proxecto que aínda non ten nin a aprobación inicial máis de 3 anos (dende que o ex-presidente da Xunta, Nuñez Feijóo o anunciou en xaneiro de 2020), e que se se optase por facer un hospital novo nun espazo adecuado (por exemplo, no espazo exterior ós muros da antiga Fábrica de Armas, pertencentes ó Ministerio de Defensa, o hospital podería estar xa rematado. Pola contra, as datas de finalización da ampliación en 2025 dadas polo ex presidente son xa inviables. Do mesmo xeito que as necesidades de as infraestructuras tecnolóxicas (TAC, RNM, quirófanos...) actuales están xa case obsoletas e precisan renovarse porque non son suficientes para a demanda asistencial o que sería tamén máis sinxelo nun hospital de nova construcción, podendo ter así por fin o Hospital que a Coruña e a súa Área Sanitaria merecen.

A nivel de tráfico, valoran que as solucións que aporta o proxecto viario provocarán un caos en toda a contorna cando menos durante moitos meses xa que van derrubar o actual acceso dende a avenida da pasaxe para construír un novo que irá sobre as Xubias, e que será tamén o acceso para a obra. Durante todo ese tempo todo o tráfico irá polos camiños e rúas de Eirís cara a avenida de Monelos ou Elviña, zonas que cualifican xa de sobresaturadas e nas que anuncian que os atascos en horas puntas serán terribles. Sinalan ademais que se fará outro vial que cortará o parque de Eirís, afectando ó estanque, e anulando as vistas dende o mesmo, así como ós centos de persoas que a diario o desfrutan.

Recentemente a Conselleira de Infraestruturas Ethel Vázquez reuníase co Colexio de Enxeñeiros para pedirlles solucións para solventar os problemas das pendentes e de accesibilidade, para as que xa houbo 24 borradores diferentes. Para a asociación veciñal é motivo suficiente para que se replanteen se a ubicación escollida con tanto desnivel é a máis adecuada.

Piden, por tanto, unha reflexión ós partidos sobre que nos van deixar para o futuro:
“Poden manter as decisións tomadas ata o de agora e seguir adiante con un gasto de 22,2 millóns do Concello da Coruña, e sobre 600 millóns de euros da Xunta en ampliar un hospital vello, con anos e anos de obras, caos e e complicacións, para que siga sendo un hospital inhóspito e inaccesible, ou aceptar que se pode facer mellor, en menos tempo e menos costoso, facendo un Hospital Novo de verdade, nun espazo plano e libre, como pode ser o espacio exterior ós muros da Fábrica de Armas, no solar libre, pertencente a Defensa, de 133.000 m2, como pedía xa o Colexio de Médicos en 2018.”

Cada día con máis razón, NOVO CHUAC SI, PERO NON ASÍ, NON AQUÍ !