jueves, 4 de mayo de 2023

Eva Soriano chega ao EMHU este venres 5 de maio con ‘Showriano’, da plataforma Movistar Plus+


A cómica presentará o seu novo show televisivo sobre as táboas do Teatro Colón da Coruña ás 21:00 horas, acompañada por Leo Harlem, con moitas outras sorpresas e cunha convidada especial, Samantha Hudson, que será a condutora do evento

O mesmo venres 5, ás 19:30 horas, o público poderá gozar tamén da primeira función en España de ‘Garabato controlado’, a última creación do arxentino Juan Barraza

A Coruña, 4 de maio de 2023.- Eva Soriano chega este venres, 5 de maio, ao Encontro Mundial de Humorismo para presentar o seu novo show Showriano, da plataforma Movistar Plus+. A cita, que promete moitas sorpresas e contará co cómico Leo Harlem como convidado e coa artista Samantha Hudson como condutora especial, terá lugar no Teatro Colón da Coruña, ás 21:00 horas. Os convites para o evento, que forma parte da programación paralela do EMHU, están esgotados.

Deste xeito, Movistar Plus+ presenta no Encontro Mundial de Humorismo unha das súas novas apostas televisivas desta primavera. Antes do comezo do show, os medios poderán asistir a un photocall con Eva Soriano, Leo Harlem e Samantha Hudson, que terá lugar no hall do Teatro Colón, ás 20:30 horas. 

Outras propostas do EMHU 2023 para a fin de semana

Tamén este venres 5 de maio, ás 19:30 horas, chegaralle a súa quenda ao arxentino Juan Barraza, quen presentará no EMHU a estrea en España do show Garabato controlado, unha peza sobre os límites da comedia na que o artista demostrará a súa poderosa enerxía sobre o escenario.

Barraza é un dos humoristas máis importantes do panorama internacional do Stand-Up dende hai quince anos. Gravou especiais para a canle Comedy Central en seis ocasións e ten cinco álbumes de comedia subidos a Spotify e demais plataformas dixitais. O EMHU 2023 acollerá, no Auditorio Sede AFundación da Coruña, a presentación no noso país do seu sexto espectáculo, co que continúa a colleitar éxitos ao outro lado do Atlántico. En www.emhu.es aínda é posible adquirir entradas para ver o show, que despois xirará por outras cidades da península.

Finalmente, a presentación -o sábado 6- do espectáculo La ruina, con Ignasi Taltavull e Tomàs Fuentes, e as galas Animus Iocandi e Fantastic Colofon -nas que participarán Ana Morgade, Carolina Iglesias, Eva Soriano, Leo Harlem, Luis Piedrahita, Pantomima Full e Sílvia Abril-, daranse tamén cita no programa desta última fin de semana do EMHU 2023, que se pode consultar con todo detalle na páxina web oficial do festival www.emhu.es.