Camiño Escena Norte reúne no 2023 a 15 compañías que ofrecerán teatro, danza e artes do movemento e novo circo en case 60 localidades
A quinta edición do programa de intercambio cultural, que conta co apoio da Xunta de Galicia, celebrará a súa programación oficial do 17 de setembro ao 22 de outubro e incorpora a Navarra como quinto territorio do proxecto de xeito definitivo
O programa Cruzamentos favorecerá o encontro artístico e profesional entre oito compañías en Galicia, Cantabria, Euskadi e Navarra; entre as que se atopan as galegas Marta Alonso Tejada, Os Náufragos Teatro e Paula Quintas Cía
Santiago de Compostela, 25 de maio de 2023.- Camiño Escena Norte (CEN), o programa de intercambio cultural no que participan compañías de teatro, danza e artes do movemento e novo circo de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, chega este ano á súa quinta edición sumando novas sedes e escenarios, e unha semana máis de programación, ampliando así a oferta de anos anteriores. Do 17 de setembro ao 22 de outubro, 15 compañías ofrecerán espectáculos e actividades no marco dunha proposta apoiada pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e cuxo eixe principal xira arredor do Itinerario Constelacións, o circuíto de representacións que chegará case a 60 localidades.
Logo de ser o territorio convidado na pasada edición, Navarra únese a Camiño Escena Norte, definitivamente, como quinta comunidade do proxecto, grazas a un importante esforzo da financiación achegada polo goberno navarro, que permitirá programar en máis espazos da comunidade foral, ademais de aumentar as funcións das compañías navarras no resto dos territorios participantes. Incorpórase tamén como colaborador o goberno vasco, o que suporá un reforzo da programación de CEN 2023 na programación en Euskadi.
Os 15 espectáculos participantes nesta edición foron seleccionados por 5 comisións profesionais de axentes do sector, unha por cada unha das comunidades implicadas no CEN. O programa amosa parte da mellor produción escénica profesional dos cinco territorios, con múltiples linguaxes, disciplinas e propostas estéticas; producións para público adulto e familiar; e cunha destacada presenza da danza e artes do movemento, ademais do novo circo.
Neste sentido, Galicia seleccionou ás compañías Caramuxo Teatro, co seu espectáculo Crisálida; Rebordelos, con Amantis; e Xampatito Pato con Só. Pola súa banda, Asturias intervirá no intercambio cultural de CEN con Saltantes Teatro e Misery; Luz de Gas con Luna; e Proxecto Piloto, que representará La bestia negra.
A participación de Cantabria virá da man de Ábrego Teatro con Lear en las catedrales; Malabaracirco Producciones Artísticas con Circus Magníficus, e Mari Paula, que presentará Fronterizas. Euskadi seleccionou os traballos de Aboon Teatre, que participará con Baby esferic; Eva Guerrero, con Gorpuztu; e Tanttaka Teatroa, que ofrecerá Sexberdinak. Finalmente, Navarra consolida a súa presenza no Camiño Escena Norte con outras tres propostas artísticas da man de Inextremis e El rey tuerto; Led Silhouette e Los Perros, e Levelibular co seu Portamundos.
Cruzamentos
Xunto ao Itinerario Constelacións está outa das liñas centrais do Camiño Escena Norte: o programa Cruzamentos, deseñado para promover o intercambio escénico, artístico e profesional entre compañías. Nesta quinta edición, esta rede de estancias artísticas e profesionais -que se enmarca na programación expandida do CEN, con distintas accións para o público e para as e profesionais- desenvolverase desde o 17 de agosto e verase reforzada coa incorporación de Navarra. A través desta iniciativa, as compañías residentes terán a oportunidade de compartir experiencias e recibir asesoramento por parte das compañías locais sobre a posta en escena dos seus proxectos.
As seleccionadas neste 2023 son, no caso de Galicia, a proposta de Marta Alonso Tejada e Lasala (Euskadi) para traballar nos proxectos Shine + Dancin’ Queen. En Cantabria, o proxecto elixido é o da compañía local Escena Miriñaque, que convida á galega Os Náufragos Teatro para investigar arredor dunha instalación-espectáculo inmersivo para bebés dentro de Meeting Baby. Pola súa banda, en Euskadi a compañía residente será a galega Paula Quintas Cía, que ofrecerá unha mirada externa sobre o espectáculo Me arrepiento da vasca Node. E, no caso navarro, a proposta seleccionada reunirá a Dinamo Danza (Navarra) e Mari Paula (Cantabria). Nesta estancia abordarase a mirada externa sobre as pezas Lake y 5778K e Luz. A estancia asturiana quedou deserta ao non se presentar ningún proxecto que involucre unha compañía con sede no Principado de Asturias.
Catálogo de Espectáculos Recomendados CEN
Unha das novidades de CEN 2023 será o Catálogo de Espectáculos Recomendados Camiño Escena Norte, unha selección de 30 producións realizada polas comisións profesionais de CEN que levarán o selo Espectáculo Recomendado Camiño Escena Norte. Esta marca de calidade servirá de promoción e apoio á distribución dos mesmos fóra do ámbito do proxecto. O catálogo editarase en formato dixital e enviarase a un total de 400 profesionais da programación das comunidades do proxecto e do resto do Estado. Precisamente o programa do Itinerario Constelacións deste ano saíu desta selección, nun proceso de programación colaborativa entre a organización e sedes adheridas. O catálogo pódese consultar no seguinte enlace: https://bit.ly/3MCeKT9 [PDF]
Quinta edición de Camiño Escena Norte
CEN naceu en 2019 co obxectivo de promover o intercambio cultural a través das artes escénicas, tomando como referencia e fío condutor os camiños a Santiago de Compostela. Desde o seu inicio, CEN levou o teatro e a danza a escenarios alonxados, en moitos casos, dos circuítos habituais de representación, ofrecendo así a oportunidade de acceder á cultura a públicos de municipios e localidades que non poden gozar, con regularidade, deste tipo de espectáculos.
CEN é unha iniciativa promovida polas asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria), Eskena (Euskadi) e ESNA (Navarra), que se incorpora este ano como entidade promotora no territorio. Todas elas únense na supraentidade Camino Escena Norte Agrupación de Interés Económico, creada especificamente para o desenvolvemento, xestión e produción deste proxecto.
CEN conta co apoio económico de gobernos e institucións das cinco comunidades implicadas: a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); o Goberno do Principado de Asturias; o Goberno de Cantabria; o Goberno vasco; a Deputación Foral de Araba, a Deputación Foral de Bizkaia e a Deputación Foral de Gipuzkoa; o Goberno de Navarra; e o Goberno de España a través do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y la Música (INAEM) e o Ministerio de Cultura y Deporte. Colaboran tamén a Deputación Provincial da Coruña, a Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Lugo.
Nesta quinta edición, Vegalsa-Eroski mantense como patrocinador oficial e a marca lucense Cafés Candelas incorpórase como empresa colaboradora.