Unha Coruña “cada vez máis diversa e respectuosa” en palabras de
Fernando Cayazzo, codirector do festival Norte Cinema Diverso, terá a
posibilidade de gozar de cine LGTBIQ+ de calidade os días 21 e 22 de
abril na primeira edición do Norte Cinema Diverso, que organizan a
asociación Palestra, o Concello da Coruña e a Cinemateca da Fundación
Pedro Zerolo. “Queremos achegar as nosas realidades a toda a cidadanía,
contando historias bonitas e dignas dun colectivo que quere empatizar coa
sociedade”, comenta Fito Ferreiro, codirector da mostra.
O certame abrirase o venres 21 de abril ás 19,00 horas cunha curtametraxe
e un documental: Tarek, con testemuños de varios adolescentes de distinta
orientación sexual que coñecen nunha festa un rapaz chamado Tarek, e
Canela, que narra a historia dunha muller transexual e as súas dúbidas
sobre operarse ou non.
As entradas para as distintas sesións do festival están á venda na web do
teatro Colón a un prezo de tres euros, agás o sábado pola mañá, que será
de balde.
O alumnado de centros escolares da cidade será o protagonista da xornada
matutina do sábado 22 de abril. As portas do teatro abriranse para os máis
novos e para todas aquelas persoas interesadas nas seis curtametraxes que
se proxectarán na pantalla do Colón. O obxectivo é prender a atención de
públicos alleos ao colectivo. “Os mozos son o futuro. Se se lles mostra a
diversidade, a aceptarán como o que é, algo natural. Aqueles que se sintan
identificades terán referentes. O resto respectará e comprenderá mellor o
que ten arredor”, asegura Cayazzo.
Pola tarde, ás 17.00 horas, celebrarase un coloquio entre o público e algúns
dos protagonistas dos traballos que se programarán no festival. Entre os
asistentes estarán Carla Antonelli, unha das protagonistas de Triángulos
Rosas (un documental sobre a represión das persoas trans durante a
dictadura); Nucebeade, formado pola madrileña Quiela Nuc e a coruñesa
Andrea Beade, directoras de Una dedicatoria a lo bestia, e João Maia,
director da película Variações, que protagonizará o derradeiro pase do
festival o sábado ás 21.15 horas.