coa sociedade e avanzar cara a igualdade
Once curtametraxes, dous documentais e dúas longametraxes
proxectaranse entre o venres e o sábado no teatro Colón
A curtametraxe española Tarek e o documental arxentino Canela abrirán
este venres a primeira edición do festival Norte Cinema Diverso. O teatro
Colón da Coruña acollerá a partir das 19,00 horas este certame de cine
LGTBIQ+ que trae á cidade durante dous días once curtametraxes, dous
documentais e dúas longametraxes. As entradas poden retirarse na web do
teatro Colón ou no seu despacho de billetes a tres euros por sesión.
A quenda das 21,15 horas do venres abrirase con dúas curtametraxes
españolas: Una dedicatoria a lo bestia, de Nucbeade, formado pola
madrileña Quiela Nuc e a coruñesa Andrea Beade, e El mueble de las
fotos. A mellor curtametraxe do festival, que será elixida por un xurado o
sábado, recibirá o premio Marieta.
A última proxección do venres será a da longametraxe boliviana Tu me
manques, seleccionada polo seu país de orixe para representalo na edición
de 2020 dos premios Oscar e dos premios Goya. Será a estrea en Galicia
dunha obra que recibiu o galardón ao mellor guion no Outfest de Los
Angeles, considerado o certame de cine LGTBIQ+ máis importante do
mundo.
O festival Norte Cinema Diverso está organizado pola asociación Palestra,
a filmoteca da fundación Pedro Zerolo e o concello da Coruña. É un paso
máis do activismo da cidade: “En menos de 20 anos camiñamos o que
deberiamos facer en 100 anos. Estivemos demasiado tempo no armario,
pero temos que reconectar coa sociedade, coas nosas aliadas e amigas,
para gañar a batalla da igualdade. E nós temos que converternos en aliados
doutras causas. Se queremos cambiar de verdade a sociedade, debemos
loitar unidos”, sinalou Fito Ferreiro, codirector do Norte Cinema Diverso.