viernes, 21 de abril de 2023

O premio Marieta agarda pola mellor curtametraxe do Norte Cinema Diverso


Na última xornada do festival celebrarase un encontro entre público e cineastas

Este sábado, un xurado formado por representantes de entidades sociais, medios de comunicación, a universidade da Coruña e o concello, elixirán a mellor curtametraxe das once seleccionadas para esta primeira edición do festival de cine LGTBIQ+, Norte Cinema Diverso. O traballo máis votado recibirá o premio Marieta, un zoco de madeira obra da artista coruñesa Elena Ferro.

A xornada comezará ás 12,00 do mediodía cunha sesión de portas abertas no teatro Colón para gozar de media ducia de aspirantes ao premio Marieta. A organización convidou ao alumnado de centros escolares da cidade coa intención de “abrirnos a públicos novos para que coñezan as nosas realidades e loitemos entre todos e todas contra as fobias”, dixo Fernando Cayazzo, codirector do Norte Cinema Diverso.

A sesión da tarde comezará ás 17,00 horas cun encontro entre cineastas e o público da Coruña. Participarán neste coloquio Carla Antonelli, protagonista de Triángulos rosas; João Maia, director de Variações; Richard Zubelzu e Magda Calabrese, productora e director de Yo soy una niña; Vicky Calavia, directora de Abriendo ventanas e Andrea Beade e Quiela Nuc, directoras de Una dedicatoria a lo bestia.

Triángulos rosas e Variações proxectaranse na sesión das 19,00 horas e das 21,15 horas, respectivamente. No medio, anunciarase a curtametraxe gañadora do premio Marieta.

O Norte Cinema Diverso está organizado pola asociación Palestra, a filmoteca da fundación Pedro Zerolo e o concello da Coruña. As entradas poderanse retirar a un prezo de tres euros por sesión na web do Colón ou no despacho de billetes do teatro. A asistencia á xornada matinal é de balde.