lunes, 17 de abril de 2023

O Día da Ciencia na Rúa reunirá a medio cento de centros educativos de Galicia o 6 de maio no parque de Santa Margarida


 

Haberá actividades lúdicas e divulgativas para todas as idades

Os Museos Científicos levarán a cabo unha xornada de portas abertas

A Coruña, 17 de abril de 2023.- Un ano máis o parque de Santa Margarida acollerá o Día da Ciencia na Rúa. A cita será o vindeiro sábado 6 de maio. Este evento ten como protagonistas principais ao alumnado e profesorado de centros educativos de diversas localidades galegas que traen as actividades e experiencias que prepararon durante meses para convidar a cidadanía a descubrir, aprender e xogar coa ciencia e a tecnoloxía. Esta xornada está organizada polo Concello da Coruña, a través dos seus Museos Científicos, a Asociación de Amigos da Cada das Ciencias e a Cátedra Emalcsa-UDC, ademais de coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía do Ministerio de Ciencia e Innovación.

Xiroscopios xigantes, análise de graxas nos alimentos, ilusións ópticas, hotel de insectos, electricidade con patacas, proxectos de xardinaxe, de robótica, de domótica, xogos matemáticos, experiencias para ver como de rápido funcionan as neuronas ou a extracción de ADN dun plátano son algunhas das moitas actividades que traen 49 centros educativos da Coruña, Betanzos, Culleredo, Ribadeo, Cambre, Carral, Coristanco, Ortigueira, Arteixo, Miño, Arzúa, Pontedeume, As Pontes, Outes, Zas, Poio, Oleiros e Cerceda.

Tamén participan coas súas achegas divulgativas numerosas entidades e institucións vinculadas á actividade científica. A Facultade de Ciencias e a Escola de Enxeñeiros de Camiños da Universidade da Coruña, a Agrupación Estratéxica do Centro de Investigacións Avanzadas (CICA), a Cátedra Emalcsa-UDC, o Centro Oceanográfico da Coruña, o Instituto de Investigacións Biomédicas da Coruña (INIBIC), o Servizo Municipal de Educación da Coruña, a Asociación Luzada da USC ou a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos. O programa inclúe, ademais, moitas outras actividades da man da Asociación Galega de Xadrecistas-AGAX, a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, Bricolabs, Ludo Sociedade Deportiva e Gallaecia Viva, UDCiencia d+i, ademais dun concerto da Banda Municipal da Coruña e un espectáculo de monólogos científicos da man de Ciencia Calidade.

Xornada de portas abertas nos Museos Científicos

Ademais, os Museos Científicos Coruñeses conmemorarán este día cunha xornada de portas abertas nos seus tres centros, a Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae. A entrada será gratuíta no seu horario habitual.