As persoas participantes crearán seis murais de gran formato en espazos
da cidade do 13 ao 23 de abril
A Coruña, 4 de abril de 2023.- O Concello da Coruña organiza o festival Istmo, un evento de
arte urbana que contará con seis prestixiosos muralistas chegados de diferentes lugares do
mundo. A primeira edición deste proxecto achegará varias intervencións muralísticas en
diferentes espazos da cidade, co obxectivo de poñer en valor este tipo de arte como un
elemento de atracción turística e un exemplo de rexeneración e dinamización urbana.
Estas distintas accións levaranse a cabo do 13 ao 23 de abril, por unha selección de artistas
do máis destacado do panorama internacional, nacional e galego. A dita selección está
formada por: Miguel Peralta (Andalucía), Sekone (Galicia), Peeta (Italia), Alba Fabre
(Cataluña), Mr. Sortwo (Euskadi) e Iria Fafián (Galicia). Os espazos escollidos para a creación
dos diferentes murais serán: a praza das Conchiñas, CEIP María Barbeito, CEIP Alborada,
Escola Municipal de Música, Piscina Municipal de Riazor e CEIP Rosalía de Castro.
O evento pretende servir como motor rehabilitador, cultural, social e económico para a cidade,
mediante a rexeneración urbana, potenciando tamén un novo tipo de turismo diferenciado e
especializado en arte na rúa e que servirá para complementar a oferta cultural e de ocio da
cidade.
O evento complétase cunha xornada musical no parque de Santa Margarida, unha xornada
gratuíta na que se reúne unha mostra da música urbana máis actual coa fusión tradicional e
electrónica de Fillas de Cassandra, o trap sen complexos de Boyanka Kostova ou un dos
máis destacados artistas do hip hop nacional como é Bejo. Todo isto acompañado dunha
exhibición de pintura ao vivo de dous artistas destacados do panorama galego como son
Nove Noel ou Yoe33.