viernes, 14 de abril de 2023

O Concello e a Asociación Veciñal do Barrio das Flores convocan unha “batalla” de bandas para actuar no Flores Rock


 

Terá lugar o 8 de xullo na Sala Túnel e contará con tres premios ademáis da actuación no festival: unha actuación nunha sala da cidade, a gravación dun videoclip e a gravación dun EP

Os grupos que queiran participar poden inscribirse ata o 14 de maio na dirección batallabandasfr@gmail.com

A Coruña, 14 de abril de 2023.- O Concello da Coruña e a Asociación Veciñal do Barrio das Flores convocan a primeira “batalla” de bandas para o Flores Rock, co obxectivo de dar a oportunidade a bandas locais menos coñecidas de poder actuar como convidados no festival e de fomentar a cultura local. As bandas gañadoras actuarán no Flores Rock, cuxa celebración está prevista para o 2 de setembro.

O concurso terá lugar o 8 de xullo na Sala Túnel e contará con tres premios para as tres bandas gañadoras. O terceiro premio consta dun concerto nunha sala da cidade, aínda por determinar; o segundo premio consta da gravación dun videoclip dunha canción orixinal da banda; e o primeiro premio consiste na gravación dun EP, co que a banda gañadora poderá sacar ao mercado a súa música.

As bandas que desexen participar na batalla deberán facer chegar a súa solicitude antes do 14 de maio na dirección batallabandasfr@gmail.com. Deberán achegar tres temas orixinais en formato mp3, ogg ou ima e posuir un repertorio de directo que teña como mínimo un 70% de temas orixinais e que non sexa inferior aos 50 minutos.

As persoas participantes deberán ser maiores de 18 anos no momento da inscrición ou deberán achegar unha autorización legal firmada polos seu pai, nai ou titor/a legal. Poden participar formacións ou solistas con estilos musicais enmarcados dentro do rock (rock’n roll, folk rock, post rock, rhythm&blues, hard rock, stoner, garage, noise, hardcore, punk-rock) e o metal (heavy, power, thrash, speed, death, grind, black, doom, gótico, industrial, nu-metal, metal alternativo).

Fases do concurso

O concurso constará de dúas fases. Na primeira, seleccionaranse un total de oito bandas logo da finalización do período de inscrición. O xurado estará composto polos organizadores do Flores Rock, quenes determinarán as bandas seleccionadas para pasar á fase final. Daranse a coñecer a través de redes sociais antes do día 29 de maio.

A segunda será a fase final que terá lugar en directo na Sala Túnel do Coliseum da Coruña o vindeiro 8 de xullo. As bandas seleccionadas actuarán en directo, cunha presentación de 30 minutos onde se admitirá un máximo de dúas versións de temas non orixinais.

O xurado estará composto por cinco membros que contarán cun representante do IMCEA, un/ha promotor/a musical dunha sala de concertos da cidade, un representante dun estudo de grabación da cidade, un representante dunha empresa de grabación de vídeo da cidade e un representante experto designado pola organización.