martes, 11 de abril de 2023

Música, humor, pintura e unha exposición protagonizan a sexta edición do ciclo metropolitano ELAS SON ARTISTAS


  • Con eventos en oito dos dez concellos da Área metropolitana, esta sexta edición contará con actividades en A Coruña, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada
  • O éxito acadado o pasado ano garantiza unha nova proposta máis completa con música, humor ou pintura que se celebrará entre os meses de abril e novembro en diferentes espazos, tanto públicos como privados
  • A primeira cita será este sábado 15 de abril (20.30 horas) no Concello de Oleiros coa violinista, cantante e compositora Maria de la Flor, quen reivindica o valor da música tradicional en tempos de auto-tune

As primeiras confirmacións que dan forma a sexta edición do Ciclo Metropolitano pola Igualdade na Música e nas Artes, Elas Son Artistas, presentáronse esta mañá en rolda de prensa no Teatro Colón coa benvida por parte de Diana Sobral, Concelleira de Comercio, Mercados e Barrios da Coruña, representantes dos Concellos de Arteixo, Betanzos, Carral e Culleredo, responsables das empresas patrocinadoras (Gadis) e colaboradoras (Coca-Cola e Alma Atlántica) e artistas que formarán parte da programación deste ano. 

“O talento feminino é absolutamente inabarcable, nesta nova edición imos poder disfrutar dunha infinitésima parte de todo o que non para de brotar grazas ás mulleres artistas coas que imos disfrutar enormemente”, celebrou Tomi Legido, Director artístico do ciclo, ao que engadiu Bea Camiña, directora de comunicación, “Vexo este festival como unha filla que vai medrando, paralelamente aos avances na equidade. Sinto que grazas a el vanse abrindo mentes e conseguindo paso a paso unha visibilizacion do talento feminino que sempre estivo aí”.

Os eventos iniciaranse este sábado 15 de abril no Centro Cultural A Fábrica en Oleiros coa violinista, cantante e compositora, María de la Flor. A súa música está intrínsecamente conectada coa tradición, e dentro dela desenvolve unha historia única e persoal, nun bucle atemporal onde nada empeza nin acaba. O día 21 no Centro Cívico Cultural do Concello de Arteixo. será a quenda dunha das artistas cuxa carreira está a piques de despegar, Eva McBel. Presentará o seu primeiro elepé, “I'm glad you happened”, un traballo que é unha bocanada de sinceridade, unha reflexión sobre a vida e un punto e final a un camiño de reconciliación coas súas raíces.

Estas dúas primeiras actuacións suporán o inicio dunha nova edición que este ano volverá abarcar espazos públicos e privados de oito dos concellos da área metropolitana da Coruña con citas nas que destacan a participación de bandas e artistas galegasoutras cuxos nomes empezan a resoar en todo o panorama nacional e xiras de grandes bandas internacionais, como a banda neoiorquina Jane Lee Hooker e a volta dos holandeses The Dirty Denims ao ciclo.

Os espectáculos que desde o mes de abril ata finais de ano ofrecerá a sexta edición de Elas Son Artistas, ocuparán diversos espazos da área metropolitana. A Coruña, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada son os concellos que este ano o farán posible, sumándose a esta loita e reivindicación pola igualdade na música e nas artes, e polos que tamén pasarán bandas como Hermana Furia 13 de maio na Sala Mardi Gras. O deste cuarteto é enerxía pura. O jazz da flautista e compositora coruñesa María Toro inundará por completo a Sala Garufa Club o 31 de maio. A primeira das grandes bandas internacionais, Jane Lee Hooker chegará 30 de xuño á Sala Mardi Gras. A súa posta en escena é un virus rabioso e, con ese nome que homenaxea a un dos grandes do blues, presentarán o seu último traballo, “Rollin´”. A cantante Su Garrido Pombo e a pintora Xoana Almar, da Cooperativa Cestola na Cachola encherán de arte en clave feminina a Praza de Azcárraga o 12 de xullo, e unha semana despois, o dia 19, Cris Regueiro & The Neo Band actuarán no mítico Jazz Filloa, outra proposta que amosa o vivo que está o jazz galego nas duas diferentes correntes artísticas.

Setembro chegará coas actuacións de Carolina Rubirosa e Aüdra o día 15 na sala Xulio Cuns do Concello de Betanzos e máis adiante, un dos pratos estrela destas primeiras confirmacións, o humor de Reinas Malas con, as Izquierdo Sisters (Lucía Veiga e Marita Martínez) por unha banda e Niñas de la Risa (Diana Sieira e Ángela Triana), por outra, o día 22 de setembro no Auditorio do Edificio usos múltiples do Burgo, en Culleredo. O regreso dos holandeses The Dirty Denims ao ciclo metropolitano abrirá o mes de outubro o día 4 na sala Mardi Gras, e uns días despois, na sala de Monte Alto, actuarán The Niftys, banda que xa gañou o premio a nivel estatal de Estudios Mans da Fundación Paideia. A actuación dunha das voces máis destacables do indie pop urbano, a de Alice Wonder, estará no 24 de novembro no Teatro Colón poñendo fin a unha sexta edición realmente emocionante e da que proximamente se dará a coñecer o resto da programación repartida pola área metropolitana da Coruña. As entradas están xa á venda a través de ataquilla.com.


Os concellos de Bergondo, Carral e Sada, en datas ainda por concretar, recibirán a artistas galegas os vindeiros meses. A exposición, pendente de anunciar, terá lugar en setembro na Casa Museo Casares Quiroga. E aínda viviremos unha data na Fundación Luís Seoane e unha noite realmente especial que poderemos gardar para sempre na memoria no Garufa Club.