- Toda a información en https://imaxinaria.afundacion.org -
Dirixen o certame Matilde Rodríguez, tamén comisaria da Mostra Internacional de
Ilustración Contemporánea, e o realizador galego Alberto Vázquez, que suma catro
Premios Goya na súa traxectoria
Imaxinaria nace para ser unha plataforma de lanzamento de novos realizadores e
de divulgación das películas e curtas de animación, creadas dentro e fóra de Galicia
15.03.2023. O cinema de animación xa ten o seu Festival Internacional en Galicia.
Chámase «Imaxinaria», promóveo Afundación, e diríxeno o ilustrador, debuxante e
director coruñés Alberto Vázquez, e Matilde Rodríguez, comisaria da Mostra
Internacional de Ilustración Contemporánea (Miic). O Festival Imaxinaria nace para
crear un espazo de encontro, divulgación, e proxección para o sector da animación, a
nivel galego, nacional e internacional. A primeira edición celébrase do 10 ao 14 de
maio na Sede Afundación A Coruña.
Imaxinaria contará cunha sección oficial na que se poderán ver as cintas a concurso.
Tamén haberá actividades paralelas: exhibición de películas fóra de concurso –entre
elas catro longametraxes de recoñecemento internacional–, eventos formativos,
actividades para a infancia, charlas e clases maxistrais con expertos de prestixio
internacional, entre outros eventos.
Michaeñ Dudok de Wit (Países Baixos, 1953), director, guionista e ilustrador
neerlandés, gañador dos premios máis importantes do audiovisual (Oscar, Bafta,
Cannes, etc.) polos seus traballos de animación, será o padriño desta edición e será
homenaxeado na última xornada do festival. Todo un referente no mundo da
animación a nivel mundial, con traballos que destacan por unha delicada e moi
coidada factura que teñen na nostalxia a súa gran protagonista. Entre as súas curtas
animadas destacan The Monk and the Fish, e The Father and the Daughter, de 2011,
con grandes críticas a nivel mundial e merecedora de numerosos premios, incluído o
Oscar. Na súa produción no ámbito das longametraxes atopamos A tartaruga vermella,
unha das cintas de animación máis fermosas deste século, considerada pola crítica
unha obra mestra e xoia da animación de todos os tempos.
SECCIÓNS DO FESTIVAL
O programa de contidos do festival estará estruturado en distintas seccións: A
«Sección Oficial» a concurso, formada por 7 bloques de proxeccións, cinco
curtametraxes para público adulto e cinco infantís; «Foco», que aproximará ao público
as obras creadas noutros países; «O que está por vir», dedicada a presentar os
proxectos en fase de preparación por parte dos cineastas galegos e «Xornada Dixital»,
que mostrará os avances dixitais á hora de crear unha produción animada.
Haberá espazo tamén para os recoñecementos á traxectoria dos creadores. Así,
distinguirase como madriña ou padriño do festival a un realizador ou realizadora que
sexa un referente no mundo da animación; haberá tamén unha sección dedicada ao
«Compromiso Social na animación», que recoñece a un realizador ou realizadora
polas súas obras creadas como canle de denuncia e «Na retina», homenaxeará un
autor ou autora clásica da animación.
PÚBLICO INFANTIL
Imaxinaria nace tamén coa vocación de axudar a consolidar novos públicos para o
cinema de animación en Galicia. Con este obxectivo incluíronse na programación
contidos infantís e crearanse espazos propios para a infancia. Haberá, ademais, un
premio outorgado polo público infantil.
A colaboración entre a Área Educativa de Afundación, que tan só en 2022 deseñou e
programou actividades didácticas para máis de 220.000 escolares, será outro factor
diferencial dun festival que nace tras unha longa experiencia de colaboración entre os
directores do evento e a Obra Social de ABANCA.
Afundación colabora desde hai anos con Matilde Rodríguez para a organización da
Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea, que se pode visitar actualmente
na Coruña. Esta exposición acolleu xa, a pequena escala, actividades dedicadas ao
cinema de animación feito en Galicia, unha primeira colaboración na que xa participou
Alberto Vázquez, e que foi o xerme do Festival Internacional de Animación Imaxinaria.
Este evento enmárcase na iniciativa solidaria «Cultura por alimentos» que Afundación
leva a cabo en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos e que
pretende levar alimentos aos bancos de alimentos locais. O acceso ás actividades será
a cambio da entrega de produtos non perecedoiros.