Inaugurarase cunha marcha a pé e en bici que terá lugar o
domingo 12 de febreiro
Consta de 32 quilómetros de ruta por un dos espazos naturais de referencia na provincia e discorre polos municipios de Abegondo, Betanzos, Bergondo, Cambre e Carral
A Deputación impulsa a creación de 130 quilómetros de sendas ciclistas con proxectos singulares coma este ou a Vía Verde Santiago-Cerceda
A Coruña, 10 de xaneiro de 2022. A Deputación da Coruña organiza unha
andaina e marcha cicloturista o domingo 12 de febreiro para inaugurar a nova
senda ciclista que percorre a contorna do encoro de Cecebre e que conecta
con Carral, un itinerario de 32 quilómetros nun dos espazos naturais de
referencia da provincia polos municipios de Abegondo, Betanzos, Bergondo,
Cambre e Carral.
A saída será ás 9:30 horas desde o pavillón de Guísamo, en Bergondo, e a
chegada está prevista para as 15:30 horas no Campo da Feira de Carral. Serán
en total 18 quilómetros de marcha a pé ou en bici nos que ademais haberá un
punto de avituallamento intermedio en Abegondo, concretamente na Cidade
Deportiva do Mundo do Fútbol do Real Club Deportivo de la Coruña.
A actividade é gratuíta pero para participar é necesario inscribirse, ata o 3 de
febreiro, cubrindo o formulario habilitado na páxina web
www.dacoruna.gal/deporte/andaina/inscricion. As persoas participantes
recibirán unha camiseta de regalo e disporán dun servizo de bus con diferentes
modalidades: desde o seu concello ao lugar de saída, desde a chegada ata o
lugar de saída, desde a chegada ao seu concello ou desde o avituallamento a
saída ou á chegada. Polo tanto, está iniciativa está adaptada ás necesidades e
posibilidades de cada persoa, podendo facer a ruta completa ou só a metade.
Tres tramos con máis de 2,1 millóns de euros de investimento
O proxecto da ‘Senda ZEC’ contou cun importante investimento de 2.150.688
euros, cofinanciados nun 80% con fondos europeos FEDER a través do
Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE). Esta ruta permite
visitar en bicicleta ou a pé algúns dos espazos naturais de referencia na
provincia da Coruña.
A Deputación da Coruña asumiu directamente a xestión das actuacións, que se
dividiron en tres tramos. O primeiro deles transcorre polos municipios de
Abegondo, Bergondo, Betanzos e Carral. O segundo e terceiro discorren por
Abegondo e Carral.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destaca a
importancia de proxectos como este no cambio cara unha mobilidade máis
sostible no territorio provincial. “Desde a Deputación estamos a realizar unha
importante aposta para promover un novo modelo de mobilidade respectuosa
co medio, onde a bicicleta adquire un papel central” indica.
Coexistencia de peóns e ciclistas
O novo carril bici discorre en gran parte polo territorio da Reserva da Biosfera
Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, empregando como base estradas,
rúas, pistas municipais, camiños rurais e sendas de titularidade pública. Peóns
e ciclistas compartirán ditos camiños, polo que a Deputación acometeu
diferentes actuacións que permiten compatibilizar esa coexistencia a través de
renovación de vías, mellora na seguridade viaria e instalación de sinalización
ambiental e turística, respectando sempre o valor medioambiental da contorna.
A ruta, dividida nos tres tramos sinalados con anterioridade, discorre ao carón
da ribeira do encoro de Cecebre, saíndo un ramal para Guísamo e outro que
aproveita o Val do Barcés para chegar a Carral, discorrendo por núcleos de
poboación como Sarandóns e pasando por lugares como a contorna do Pazo
de Macenda, a ETAP de Cañás ou o Observatorio de Aves de Crendes, para
rematar no monumento aos Mártires de Carral.
O deputado de Transición Ecolóxica, José Ramón Rioboo, destaca que esta
iniciativa se suma “aos traballos que desde a Deputación estamos a facer para
crear 130 novos quilómetros de sendas ciclistas en 19 concellos coruñeses”,
sinala. Un proxecto que contou tamén co cofinanciamento de fondos FEDER e
que inclúe a creación da primeira Vía Verde da provincia, que conecta o
municipio de Cerceda co de Oroso empregando as antigas vías de ferrocarril e
que este se estenderá ata Santiago de Compostela