jueves, 15 de diciembre de 2022

Visita do apalpador á Coruña (venres 23 de decembro ás 17 h no Circo de Artesáns)


A Asociación Semente Coruña informa que celebraremos estas festas lembrando a figura tradicional propia do nadal do noso País: o apalpador ou pandigueiro, a entrañable personaxe do carboeiro que, unha vez ao ano, baixaba das montañas do Courel e percorría as aldeas galegas apalpando as barriguiñas das máis pequechas e pequechos para comprobar se comeran ben durante o ano, e deixarlles agasallos e presadas de castañas.

Esta tradición, que estivo a piques de desaparecer no esquecemento, está sendo activamente recuperada e reivindicada nos últimos anos por unha serie de colectivos, entre eles o noso, e queremos que teña tamén o seu espazo de encontro coas crianzas da cidade herculina.

Por iso, este nadal a Asociación Semente quixo que o apalpador visite un espazo tan céntrico coma é o Circo de Artesáns, sito no corazón da nosa cidade (rúa San Andrés 36) e que leva 125 anos dinamizando a sociedade coruñesa. Ali as crianzas terán a oportunidade de coñecer esta figura e as súas historias e lendas, contarlle as súas inquedanzas e por suposto pedirlle os seus agasallos.

PROGRAMA DA VISITA: O apalpador e a súa acompañante chegarán sobre ás 17h ao Circo de Artesáns e permanecerá varias horas no local, durante a que teremos as portas abertas, é dicir, a participación será completamente libre e gratuíta.