martes, 20 de diciembre de 2022

O Concello promove unha innovadora ruta turística que une Madrid coa Coruña a través da estrada N-VI



O concelleiro de Turismo, Juan Ignacio Borrego, presentou a ‘Ruta N-VI’, que xa ten dispoñibles mapas dixitais, unha guía en liña e outros incentivos para as persoas participantes

A Coruña, 20 de decembro de 2022.- O concelleiro de Turismo e presidente do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, Juan Ignacio Borrego, presentou esta mañá a ‘Ruta N-VI’, unha ruta turística por estrada que une Madrid coa Coruña e que está promovida polo Concello. O edil estivo acompañado de Xosé Ramón Nóvoa e Silvia Vázquez, responsables desta ‘startup’ turística. O acto tivo lugar na contorna da Torre de Hércules, punto no que finaliza esta experiencia.

‘Ruta N-VI’ é un itinerario turístico pola estrada radial que une Madrid e A Coruña que aspira a se converter nunha das principais atraccións de turismo por estrada do noroeste. Suman 600 quilómetros que se poden percorrer en moto, automóbil, furgoneta ou caravana. O seu itinerario principal pasa polas seguintes localidades: Madrid, Arévalo, Medina del Campo, Rueda, Tordesillas, Benavente, La Bañeza, Astorga, Ponferrada, Villafranca del Bierzo, O Cebreiro, Lugo, Guitiriz, Betanzos e A Coruña. En total, a ruta atravesa oito provincias e máis de 70 municipios, sumando 11 millóns de habitantes na súa área de influencia.

Juan Ignacio Borrego destacou a importancia de fomentar o turismo a través de múltiples vías, como nesta modalidade por estrada. “O Goberno de Inés Rey está traballando por facer da Coruña a referencia turística do noroeste peninsular, seguindo diferentes estratexias. Esta ‘Ruta N-VI’ ten a nosa cidade como punto de destino e agardamos que o próximo ano sexan moitas as persoas que participen nesta iniciativa”, sinalou o concelleiro.

Segundo estimacións da empresa responsable, unhas 3.000 persoas realizarán esta ruta turística no 2023. Tras un período de probas e recoñecemento das etapas, xa están dispoñibles para as persoas interesadas unha serie de mapas dixitais, unha guía en liña que destaca os puntos de interese do percorrido e outros incentivos.