O programa que une as radios coruñesas dedica a ADACECO a súa décima
edición cun programa aberto ao público tras dous anos de pandemia
A Radio Conta cumpre 10 anos. A iniciativa que une oito radios públicas e privadas
da Coruña chega á súa décima edición este 2022, e faino cun programa solidario
dedicado a ADACECO, a Asociación de Dano Cerebral da Coruña.
Tras dous anos marcados polas restricións da pandemia, o programa recupera o
formato presencial e estará aberto ao público. Deste xeito, a gravación terá lugar o
mércores, 14 de decembro no Teatro Rosalía da Coruña, de 17h a 20h, con
entrada libre. Posteriormente, as tres horas de radio emitiranse o sábado, 24 de
decembro desde as 17h na frecuencia das emisoras implicadas.
A Radio Conta celebrará cun programa máis especial ca nunca os dez anos dunha
acción coral que ten dous obxectivos, a solidariedade e a homenaxe á radio más
próxima. Moncho Viña será o encargado de conducir unha redacción única que
conforman arredor dunha trintena de profesionais de Radio Galega -que achega a
cobertura técnica-, Radio Nacional de España, RadioVoz, Radio Intercoruña,
Radio Coruña-Cadena Ser, Onda Cero, Radio Marca e COPE.
Nesta décima edición, pasarán polo Rosalía os cineastas Jorge e Pepe Coira xunto
coa actriz Mabel Rivera. A música será tamén a protagonista coas actuacións de
Merchy Treviño, Ortiga e Sés, ademais da presenza do barítono Borja Quiza e do
multiintrumenstista Abraham Cupeiro.
Os xornalistas Luís Pousa e José Manuel Gutiérrez, o humor de Xosé Antonio
Touriñán e o radioteatro a cargo do guionista Óscar Cruz completan o menú dun
programa divertido, dinámico e inusual. Ao longo das tres horas de radio repasará os
mellores momentos destes dez anos e mirará cara a outra efeméride: o 50 aniversario
do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).
Neste 2022, A Radio Conta dará visibilidade a ADACECO, a Asociación de Dano
Cerebral da Coruña. A entidade, con 22 anos de existencia, é a referencia na comarca
da Coruña en atención ao dano cerebral adquirido (DCA). Actualmente, dá servizo
a máis de 150 persoas e as súas familias grazas a profesionais con formación nas
últimas tendencias en tratamentos.
Será a décima asociación coa que colabora A Radio Conta. A iniciativa solidaria
naceu no 2013 cun primeiro programa especial dedicado á ONG Renacer. Desde
entón, a radio da Coruña foi fiel á súa cita anual e axudou, nas sucesivas edicións, a
Antonio Noche, Ecos do Sur, Agalure, Aspace, Asperga, Asanog, a loita contra a
pandemia da COVID e Apem.
A entrada ao programa é libre e non é necesaria invitación. Haberá un posto de
venda de material para axudar a ADACECO e deixar donativos. A iniciativa está
aberta xa a colaboracións de particulares e empresas a través dunha fila cero:
ES45 2080 0000 7855 0046 4732 (ABANCA)