lunes, 24 de octubre de 2022

‘Papagena’, a ópera electrónica en galego dirixida por ButacaZero, chega a Oleiros este sábado 29 de outubro


  • Sobre o escenario estarán a soprano Esperanza Mara e o barítono Jacobo Rubianes que actúan acompañados polo director musical, Iago Hermo, compositor ademais da música e do libreto
  • A ópera comezará ás 20.30 h no Auditorio ‘Gabriel García Márquez’ e os billetes xa están á venda na plataforma web entradas.ataquilla.com
24 de outubro de 2022.- Papagena, á última creación da compañía ButacaZero, dirixida por Xavier Castiñeira e Esther F. Carrodeguas, vaise representar este sábado 29 de outubro, ás 20.30 h, no Auditorio ‘Gabriel García Márquez’ de Oleiros. As entradas para o espectáculo xa están á venda a un prezo de 4€, máis gastos de xestión, na web entradas.ataquilla.com.

Trátase dunha ópera electrónica contemporánea de pequeno formato en galego, con perspectiva de xénero, que narra a historia dunha parella engaiolada nunha relación tóxica. O elenco está formado pola soprano Esperanza Mara e o barítono Jacobo Rubianes que actúan acompañados no escenario por Iago Hermo, compositor da ópera e do libreto e tamén director musical da peza.

Papagena é unha ópera electrónica inspirada na parella de persoas-paxaro da célebre A frauta máxica, de Mozart. A peza, na que Castiñeira e Carrodeguas asumen por primeira vez a dirección escénica dunha ópera, nace da vontade de afondar nos clixés de xénero presentes no eido da creación operística, mais tamén pretende rachar con outras percepcións habitualmente asociadas ao mundo da lírica: a lingua, os espazos de representación, o público destinatario ou mesmo o formato. Para conseguilo, Iago Hermo deseñou unha ópera electrónica, baseada nas súas investigacións arredor do espectralismo minimalista. O resultado, coa colaboración de Ana Arteaga na escenografía e de Diego Valeiras no vestiario, é un espectáculo musicalmente inmersivo e visualmente contemporáneo que levará a ópera a vilas onde non adoita chegar este estilo musical.

Logo de seu paso por Oleiros, Papagena proseguirá a súa xira por outras localidades galegas nos vindeiros meses, cunha función cada fin de semana. Así, as seguintes citas van ser en Gondomar (5 de novembro), Celanova (6 de novembro), Muros (12 de novembro), Boiro (18 de novembro), Bueu (19 de novembro) e Foz (25 de novembro). Todas as datas, horarios e sistema de acceso ás funcións de Papagena están dispoñibles na páxina web da compañía, butacazero.net.

APOSTA POLA CREACIÓN EMERXENTE E O TERRITORIO

Con esta nova produción, unha ópera galega e en galego, ButacaZero mantén a súa aposta polo risco escénico, pola creación emerxente a través da colaboración con artistas de Galicia e pola creación vinculada á temática social e cunha fonda implicación no territorio. Neste sentido, un dos principais obxectivos da compañía viguesa é construír país arredor da cultura. Para iso, adaptarán a ópera contemporánea á realidade social galega, levándoa, ao longo do vindeiro trimestre, a espazos non convencionais para a súa representación.