O castelo de Santo Antón acollerá visitas guiadas e diversos obradoiros
para dar a coñecer o seu contido e actividade
Aínda quedan prazas para participar nalgunha das actividades programadas
A Coruña, 4 de outubro de 2022.- O Museo Arqueolóxico do Castelo de Santo Antón
cumpre este mércores, 5 de outubro, o 54 aniversario da súa inauguración, que celebrará
este sábado cunha xornada de portas abertas e diversos obradoiros e actividades gratuítas.
A xornada de portas abertas desenvolverase de maneira ininterrompida desde as 10 da
mañá e ata as 12 da noite. Durante todo o día haberá ademais varias actividades
divulgativas e participativas que terán como obxectivo dar a coñecer a importancia e
contidos do museo.
Entre estas actividades figuran as seguintes:
Visitas guiadas. Recorrido guiado polo Castelo de Santo Antón e as distintas seccións do
Museo Arqueolóxico e Histórico. Serán ás 12.00, 18.00 e 22.00 horas, cunha duración
aproximada de hora e media. Están dirixidas ao público adulto e teñen un límite de
asistencia para 25 persoas.
Obradoiro infantil Descubrindo o Museo. As portas de Santo Antón estarán abertas para
descubrir a importancia do museos e as súas coleccións. Aproveitarase para entrar nos
espazos descoñecidos e falar das profesións e das e dos profesionais que traballan neses
espazos. Haberá tempo tamén para descubrir de onde veñen os obxectos que forman parte
das coleccións e traballarase como auténtico persoal especialista no gabinete científico do
museo. A actividade, prevista para ás 12.00 horas e que oferta 20 prazas, está dirixida a
nenas e nenos de entre 6 e 12 anos e terá unha duración aproximada de hora e media.
Obradoiro infantil HeraldicART. Actividade didáctica na que se pretende dar resposta a
preguntas como é un escudo, desde cando existe, que representa e outras máis, para
coñecer en detalle o escudo da Coruña e as súas lendas. Tamén se poñerá atención nas
formas máis orixinais de representación da nobreza e rematarase elaborando e creando un
escudo. O obradoiro está orientado a nenas e nenos de entre 6 e 12 anos, comezará ás
17.00 horas, terá unha duración de hora e media e oferta 20 prazas.
Obradoiro Gabinete de Curiosidades. As persoas participantes poderán viaxar ás orixes
do concepto museo e coñecer os gabinetes de curiosidades, espazos onde conflúen pezas
de moi distinta procedencia, disciplina ou material. O obxectivo é ofrecer unha experiencia
emocional e estimular ás e aos asistentes a utilizaren as súas propias capacidades
creativas elaborando unha peza de gabinete partindo da colección do Museo Arqueolóxico. Para iso, utilizaranse imaxes de diferentes pezas impresas en acetato, rotuladores,
témperas, cartolinas, etc. para “customizalas” e crear pezas únicas. A actividade está
dirixida ao público adulto e comezará ás 19.00 horas, cunha duración aproximada de dúas
horas. A asistencia está limitada a 15 persoas.
Aínda quedan prazas dispoñibles para poder participar nas visitas guiadas e nos obradoiros,
pero cómpre inscribirse previamente, ata completar a capacidade por orde de chamada, no
teléfono do Museo Arqueolóxico: 981 189 850, entre as 10.00 e as 19:30 horas.