viernes, 26 de agosto de 2022

A TVG emitirá dous partidos por xornada da Primeira RFEF


A FORTA e a Federación Española de Fútbol asinaron un acordo esta mañá para a retransmisión de partidos da categoría de bronce do fútbol español 

TVG, TV3 e IB3, fixéronse con dereitos de emisión que, no caso da Galega, permitirá retransmitir dous partidos por xornada e o play off e play out íntegro onde haxa presenza galega

As emisións da TVG comezan esta fin de semana co Pontevedra-Alcorcón o domingo ás 19:30 pola G2 e G24.gal

A TVG emitirá dous partidos cada xornada, que serán fundamentalmente partidos de casa, se ben nas xornadas en que ata tres dos catro equipos galegos en liza xoguen como visitantes, a TVG terá dereitos de emisión do partido que se xogue en Galicia e de un dos tres que se xoguen fóra.

O acordo coa RFEF implica que as emisións da TVG serán en aberto en TDT e a través da web con xeolocalización para España. A TVG emitirá tamén en aberto todos os partidos de play off e play out se os protagonistas son equipos galegos.

O fútbol de primeira RFEF, que este ano conta con catro representantes galegos (Racing Club de Ferrol, Real Club Deportivo da Coruña, Real Club Celta de Vigo B, e Pontevedra FC) volve á Televisión de Galicia que xa emitira o treito final da liga da pasada campaña.

Estaba previsto que as emisións comezaran co Deportivo-Dux deste sábado, pero o anuncio de incomparecencia do equipo madrileño fai que o primeiro partido desta temporada vaia ser o Pontevedra-Alcorcón desde Pasarón o domingo ás 19:30 pola G2 e pola páxina web G24.gal. Na segunda xornada a TVG televisará o Deportivo-Linense o sabado ás 19:30 horas e o domingo o Rácing de Ferrol-Castela, tamén ás 19:30 horas.