O Ciclo Metropolitano pola Igualdade na Música e nas Artes, Elas Son Artistas vén de confirmar as actuacións de Freedonia, LaMontagne & PicoAmperio e Lúa Mosquetera & Pablo Seijas para este outono, ademais do obradoiro que a ilustradora Rebeca Losada, quen diseñou ademais o cartel das Festas de María Pita este ano, impartirá a finais de xullo na Casa Museo Casares Quiroga na Coruña. A quinta edición de Elas Son Artistas cumpre coa promesa do día da presentación confirmando a proposta máis ambiciosa ata a data. Un total de 20 espectáculos artísticos e musicais que se desenvolverán en dez concellos ata o próximo mes de novembro.
O ciclo deu o seu pistoletazo de saída o pasado mes de abril e este mércores continuará o seu percorrido polos dez concellos da área metropolitana. Nesta ocasión, a localización escollida será a Praza de Azcárraga, na Coruña, un lugar tan máxico que acollerá a actuación de Blues do País e a realización en directo dun mural pitado por Laura Romero fundadora do proxecto ‘Músicas galegas ilustradas’. O evento está programado para as 20.30 horas, cando comece a baixar a calor, e o acceso é libre. A vindeira semana teremos unha desas citas que tivemos que adiar por mor da covid-19, a actuación da pianista Aida Saco Beiroa o 20 de xullo no Jazz Filloa, na Coruña, cuxas entradas a 10€ poden reservarse a través de jazzfilloa@jazzfilloa.com.
A ilustradora Rebeca Losada, a lucense que crea imaxes para Xoel López o Náutico de San Vicente, ou máis recentemente o cartel das Festas de María Pita, impartirá un obradoiro na Casa Museo Casares Quiroga os días 26 e 27 de xullo de 17.30 a 19.30 horas baixo o nome de ‘Creación de imaxes para eventos artísticos’. As prazas son limitadas e para maiores de 16 anos. Pódese reservar a través de elassonartistas@gmail.com. O día 26 ás 20:00 inaugúsase a súa exposición 'A música precisa imaxes' na Casa Museo María Pita. Será visitable de xeito gratuito ata o 4 de setembro.
Nesta quinta edición de Elas Son Artistas destacan, ademais da gran participación de nomes de bandas e artistas galegas, o regreso das xiras de grandes bandas internacionais, como é o caso da estadounidense Leah Woods, que actuará o vindeiro 14 de setembro na Sala Mardi Gras. Leah é unha artista procedente de Saratoga Springs (Nova Iork), amante do surf, do skate, do esquí, da aventura… algo que reflexa á perfección no seu soul/indie/folk. Tras ela, un par de días despois será o regreso dunha das bandas que xa nos visitou na pasada edición, os canadenses ByWater Call o 16 de setembro. As entradas para ambos concertos xa están á venda a través de entradium.com
A última incorporación ao cartel da quinta edición de Elas Son Artistas é unha das banda de referencia na escena estatal de música soul e funk, formada por unha voz incendiaria e oito músicos que rezuman creatividade, posúen unha potente sección rítmica e ofrecen un directo demoledor. Freedonia serán os encargados de encher o Teatro Colón da Coruña o vindeiro 29 de setembro co seu espectáculo musical ‘Conciencia’. As entradas están á venda a través de ataquilla.com
ELAS SON ARTISTAS
Elas Son Artistas é moito máis que un festival ou un ciclo de espectáculos artísticos. É unha reivindicación pola igualdade, unha homenaxe á muller creadora, que como sempre, será en todo momento protagonista.
Un festival posible grazas ao apoio institucional dos concellos que participan do mesmo, pero tamén grazas á suma a nivel patrocinio de empresas privadas como Gadis e Caeiro e colaboradores como MIM - Mujeres de la Industria de la Música, AIE - Sociedad de Artistas Intérpretes o Ejecutantes de España, Coca-Cola e a República Musical Mardi Gras. Finalmente, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia tamén colabora en aqueles espectáculos que se realizan en galego. |