miércoles, 15 de junio de 2022

O Concello organiza sete xornadas de actividades culturais para todos os públicos polo San Xoán


 

A banda Miss Caffeína actuará a noite do 23 de xuño na explanada de Riazor, despois da queima da falla

A Coruña, 15 de xuño de 2022.- O Concello da Coruña organiza sete xornadas de actividades para todos os públicos con motivo da celebración da noite de San Xoán. Os eventos programados comezarán este venres 17 de xuño e rematarán o xoves 23, e repartiranse por diferentes lugares da cidade.

Con esta programación o Goberno municipal de Inés Rey busca animar a cidade nos días previos á Noite Meiga con actividades relacionadas con esta festa. O prato forte da programación será o concerto da banda Miss Caffeína na explanada do Palacio dos Deportes de Riazor. A formación está este verán presentando o seu último disco, ‘El año del tigre’, por todo o territorio nacional. Subirán ao escenario ás 00.30 horas, tras a queima da falla e a sesión de fogos de artificio.

O resto de días haberá diferentes eventos para as e os máis cativos, como obradoiros de decoración de sardiñas ou funcións teatrais variadas. Realizaranse desde o venres 17 nos xardíns de Méndez Núñez, o parque de Oza, Novo Mesoiro, o parque de Santa Margarida, a praza das Bárbaras, a praza das Conchiñas, a praza de Vigo, a praza Elíptica, a praza dos Mariñeiros e a praza da Tolerancia. En caso de chuvia, haberá lugares alternativos a cuberto.

Por outra banda, a fin de semana do sábado 18 e do domingo 19 de xuño realizarase no parque de Santa Margarida a Romaría do lecer, que contará coa actuación da asociación cultural Xacarandaina. O sábado ás 19.00 haberá unha foliada infantil e, a partir das 21.00 horas, unha foliada para persoas adultas. O domingo pecharase a romaría a partir das 11.00 horas.

O mércores 22 está prevista a realización dun espectáculo de rúa da agrupación Donaire, que irá desde o Obelisco a María Pita a partir das 19.00 horas. Ese mesmo día, a Banda de

Música Municipal actuará en San Andrés co programa ‘Tarde de Música Latinoamericana’, a partir das 20.00 horas. A Banda estará dirixida por Juan Miguel Romero Llopis.

O xoves 23 de xuño, nas horas previas á noite de San Xoán, tamén haberá varias actividades. Durante a mañá, desde as 11.30 horas, no Campo da Leña haberá obradoiros de herbas de San Xoán, xogos populares e unha actuación teatral.

A queima da falla será, como é habitual, ás 23.50 horas. Na explanada do Palacio dos Deportes de Riazor haberá dúas actuacións musicais. Ademais de Miss Caffeína (ás 00.30), ás 22.30 horas estarán Los Mecánicos. Estes concertos pecharán a programación cultural deste San Xoán.