• As bandas gañadoras terán a oportunidade de gravar nos Estudios Mans e actuar nun dos
festivais galegos colaboradores: Portamérica, Atlantic Fest, Revenidas e Festival de la Luz.
• Esta acción, dirixida a promover o talento emerxente, conta coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC).
A Coruña, 10 de maio de 2022
A Fundación Paideia Galiza, a través de Estudios Mans, acaba de dar a coñecer os/as
gañadores/as do concurso para bandas e músicas/os emerxentes Sonidos Mans. Despois da
selección dos 25 finalistas por parte do público e un xurado profesional, 4 foron as bandas
gañadoras, que terán a oportunidade de tocar en Portamérica, Atlantic Fest, Revenidas e Festival
de la Luz. Ademais, gravarán durante dúas xornadas nos Estudios Mans da Coruña. As bandas
gañadoras son:
- Astrogirl (Portamérica)
- Momboi (Atlantic Fest)
- Bratzantifa (Revenidas)
- Amoebo (Festival de la Luz)
Esta edición de Sonidos Mans contou coa participación de 298 bandas emerxentes de toda a
xeografía española. Na primeira fase do concurso foi un xurado composto por Celia Carrillo
(Managing Director LIVENow in Spanish), Guillermo de Lorenzo (Head of Marketing & New
Business en Wegow) e Almudena Heredero (Directora de Primavera Pro e Ulalume) o que fixo
a primeira selección. A continuación foi un xurado popular o que seleccionou as bandas finalistas
e, por último, os festivais colaboradores, seleccionaron os 4 gañadores. O obxectivo deste
concurso é facilitar aos grupos e solistas que están comezando a súa carreira, unha ferramenta
para a difusión do seu traballo e a posibilidade de gravar nun entorno profesional.
Esta acción conta coa colaboración da Xunta de Galicia a través dun convenio coa Axencia Galega
das Industrias Culturais (AGADIC) para o desenvolvemento de accións de profesionalización e
promoción da actividade musical emerxente. Durante o 2020 e o 2021, por mor da pandemia, o
concurso cambiou as actuacións a espazos con aforos máis reducidos, pero, tras o anuncio da
volta dos festivais para este verán, Sonidos Mans volve á súa esencia e trasládase de novo a
estes escenarios.
A FUNDACIÓN PAIDEIA GALIZA-ESTUDIOS MANS E A SÚA APOSTA POLA MÚSICA EMERXENTE
Esta iniciativa ten como finalidade poñer o valor e darlle visibilidade ao talento das/dos
emprendedores musicais. Enmárcase dentro dunha das liñas de traballo da Fundación Paideia
Galiza e de Estudios Mans, dirixida ao fomento do emprendemento musical. Ademais da
promoción de bandas emerxentes, desde Estudios Mans trabállanse outras áreas como a
gravación, con propostas dirixidas ás/aos músicas/os emprendedoras/es ou formación dirixida
a que as/os artistas poidan poñer en marcha o seu proxecto musical a través de diferentes
ferramentas que lles permitan profesionalizarse e deseñar o seu plan de negocio.