lunes, 9 de mayo de 2022

As entradas para o concerto na Coruña da xira de 20 aniversario de SonDeSeu xa están dispoñibles


A Orquestra Folk de Galicia, que inicia as súas actuacións este xoves 12 en Vigo, estará o vindeiro 3 de xuño, ás 20:30 horas, no Teatro Colón

As entradas para o concerto, de formato acústico e sen amplificación, pódense retirar a través da plataforma web www.ataquilla.com

 

A Coruña, 9 de maio de 2022.- As entradas do concerto que a Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu ofrecerá o vindeiro mes de xuño no Teatro Colón da Coruña xa están dispoñibles. A actuación, que terá lugar o venres 3 a partir das 20:30 horas, forma parte da xira de celebración dos vinte anos de actividade de SonDeSeu, un dos proxectos musicais máis senlleiros do país.

SonDeSeu comezou a súa andaina hai dúas décadas como unha actividade de conxunto instrumental coa intención de facer e compartir, colectivamente, a música tradicional galega. Co paso dos anos, a entidade medrou a base de ilusión, esforzo e xenerosidade colectiva, tanto por parte do alumnado coma do seu profesorado, creando novas vías para a comprensión da evolución das músicas de raíz desde a óptica do século XXI.

Sobranceiras figuras e mestres como Rodrigo Romaní, Begoña Riobó, Anxo Pintos, Xisco Feijoó, Xaquín Xesteira, Alfonso Franco e Xosé Liz forman parte deste proxecto educativo e musical, hoxe en día vinculado á ETRAD (Escola Municipal de Vigo de Música Folk e Tradicional), que favoreceu a creación dunha prometedora e efectiva canteira artistas musicais que transmiten a tradición desde a contemporaneidade.

Esta primavera, e no marco da xira de celebración do seu 20º aniversario, os sesenta integrantes da orquestra revisarán os seus mellores éxitos en espazos que adoitan estar reservados a formacións de corte clásico. Ademais, co gallo da celebración do aniversario, a música de SonDeSeu vai soar dun xeito singular: en formato acústico e sen amplificación.

Alén da actuación na Coruña no Teatro Colón (3 de xuño), SonDeSeu tamén estará no Teatro Afundación de Vigo (12 de maio), no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo (21 de maio) e rematará a xira no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela (18 de xuño). As entradas para todas as actuacións da primeira orquestra folk de Galicia xa están dispoñibles na web www.ataquilla.com.

 

SonDeSeu

A Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu nace hai vinte anos no seo do extinto Conservatorio de Música Tradicional da Universidade Popular de Vigo, a actual ETRAD. A agrupación explora a fusión e mestura das músicas de creación colectiva con elementos contemporáneos desde unha visión orixinal que se aproxima, ás veces, ás expresións da música culta. Ao tempo, desde a perspectiva educativa, crea sinerxías poderosas e un tramado completo tanto á hora formativa como á hora de presentar un colectivo sólido e pioneiro en Europa.

A suma da creatividade colectiva e a posta en valor da música de raíz ao longo destas dúas décadas materializáronse en numerosos proxectos de investigación no ámbito da música folk e eventos singulares como o ‘Libro branco da educación en música tradicional’, ‘O canto das Illas’, ‘Arraianos’ ou a Rede Europea de Orquestras Folk ENFO. Estas iniciativas sitúan SonDeSeu como un referente da música galega tanto no país coma noutros puntos da península e de Europa.

 

XIRA XX ANIVERSARIO SONDESEU

CONCERTO: 3 de xuño, ás 20.30 horas, no Teatro Colón da Coruña
+ INFO: sondeseu.org