domingo, 24 de abril de 2022

Sumrrá presenta seu disco ‘7 visións’ no concerto que abre o Maio Jazz 2022

O teatro Colón da Coruña volve acoller o mes que vén o ciclo organizado pola área de Cultura da Deputación, que se completará cos recitais de Ana Díaz, o día 15; Xan Campos Trío, o día 22, e a Orquestra Galega de Liberación, o día 29.

 

A Coruña, 24 de abril de 2022. A área de Cultura da Deputación da Coruña vén de completar o programa do Maio Jazz 2022, que, en catro domingos do mes que vén, ás 20 horas, ofrecerá outros tantos concertos no Teatro Colón da Coruña. O primeiro será o de Sumrrá o día 1, ao que lle seguirán os de Ana Díaz, o día 15; Xan Campos Trío, o día 22, e a Orquestra Galega de Liberación, o día 29. As entradas para o recital de Sumrrá xa se poden retirar, de balde, na páxina web do Colón.

 

"O Maio Jazz volve este ano”, sinalou o responsable provincial de Cultura, Xurxo Couto, “con catro propostas de indubidable interese e con catro formacións que reflicten a enorme calidade do jazz galego". “Un estilo musical”, engadiu, “que desde os anos oitenta segue a protagonizar iniciativas que atoparon un importante espazo non só no noso país, senón tamén nos circuítos internacionais”.

 

Logo de 21 anos xuntos e centos de concertos por medio mundo, o trío de jazz galego máis internacional presentará no Colón o seu sétimo disco: ‘7 visións’. O traballo máis recente do pianista Manuel Gutiérrez, o contrabaixista Xacobe Martínez Antelo e o batería L.A.R. Legido supón a consolidación dunha forma única de entender a música ao vivo, cunha madurez e unha frescura que fan da formación un grupo de culto que non deixou de sumar seguidores ao longo destas tres décadas, xa polas súas gravacións, xa polo seu paso por escenarios de Seúl, Marrocos, París, Beijing, Shanghai, México, Portugal, Nicaragua, Bolivia, Sudáfrica, Guatemala ou O Salvador.

 

Neste último álbum, Sumrrá fai o exercicio tan inspirador de coller perspectiva e reformular, a través da música, a nosa propia existencia. Os tres músicos afincados en Compostela miran con novos ollos ao Sapiens sapiens, ao Espazo interior ou a Ra. Reflexionan sobre a nosa posición na Periferia universal ou sobre a eterna danza das Forzas gravitatorias. Contan a través da súa música que aconteceu 13.700 millóns de anos despois ou por que son sete os graos que separan Asuán de Alexandría.