jueves, 17 de marzo de 2022

Xabier Díaz estrea “Levantarse e caer”, o primeiro single do seu novo traballo en solitario, que verá luz no mes de abril


 

O artista galego estreará este vindeiro venres 18 de marzo “Levantarse e caer”, o primeiro single do seu traballo homónimo, que verá a luz no mes de abril, no que fala da importancia de lembrar as caídas do pasado para explicar as feridas de hoxe.

 

Este novo traballo discográfico en solitario, nunha liña paralela ao percorrido xunto ás Adufeiras de Salitre, afonda nos sentimentos de benestar, autocoñecemento e bondade, e na relevancia das experiencias infantís na construción dos nosos eus adultos.

------------------------

A Coruña, xoves 17 de marzo de 2022.-
 

A fina liña entre o éxito e o fracaso, a importancia de aprender a gañar e perder dentro da felicidade e a relativización do concepto de triunfo. Todo iso e moito máis é “Levantarse e caer”, o primeiro single do novo traballo homónimo de Xabier Díaz, que verá a luz o vindeiro venres 18 de marzo.

O tema, no que o artista afonda na importancia de sobrepoñerse aos fracasos e saber, ao tempo, asimilar os éxitos, nunha reflexión sobre a resiliencia e a necesidade de lembrar as caídas do pasado para explicar as feridas de hoxe.

Xabier Díaz canta aos que o sistema considera “perdedores”, cando en realidade “nada che garantiza que ser primeiro ou segundo vaia facerte máis feliz que ser penúltimo ou último”, analizando a relativización do concepto occidental de “éxito”

O disco, que verá a luz no vindeiro mes de abril, combina arrolos de composición propia con temas nos que o artista tende unha liña entre a infancia e a madurez, nun traballo creado en paralelo á súa traxectoria xunto ás Adufeiras de Salitre, coas que continúa colleitando éxitos.

O videoclip, que foi gravado entre Esposende e o Gerés, contou coa dirección de Juliana Ramalho e Diogo Martins, e coa fantástica actuación de Luís Pereira, o alter ego infantil do propio Xabier Díaz, que enfrontou o disco como “unha ollada á infancia, sen ter nunca a certeza de se o que lembramos foi exactamente así”. Unha ollada sanadora pero non morriñenta nin nostálxica.

Sobre Xabier Díaz

Dos primeiros sopros de Xabier nunha gaita de fol nos albores dos 80 ata “Coplas para Icía” (2007) pasaron case 30 anos. A súa curiosidade facilitou a chegada de experiencias que se sucederon tendo sempre a música pop(ular) no horizonte: Xacarandaina, Rumbadeira, os primeiros traballos de campo, unha incesante actividade docente, asociacións, concursos, certames, etc.

Logo chegou a Nova Galega de Danza coa que participou nos espectáculos “Alento”, “Engado” e “Tradicción” entre os anos 2005 e 2009.

Berrogüetto chamou á porta de Xabier a inicios de 2008 e a viaxe durou até 2014, ano no que se anunciaba a disolución da banda.

Durante este tempo editaron os discos “Kosmogonías” (2010) e “O pulso da terra” (2011). Alén diso, obtiveron o Premio de la Academia de la Música á mellor canción en galego (2011) e o de mellor grupo de música folk na primeira edición dos Premios Galegos da Música Martín Códax (2013), así como o galardón á mellor banda sonora nos Premios Mestre Mateo (2014) coa película “Inevitable”.

Grandes parceiros e amigos seus foron Guadi Galego, Guillermo Fernández e Xosé Lois Romero, cos que participou no proxecto aCadaCanto e cos que editou “aCadaCanto” (2012) e “A Rosa D`Adina” (2014).

Ao longo dos anos, realizou un feixe de colaboracións en discos e concertos de diferentes artistas: Carmen París, Xosé Manuel Budiño, Kepa Junquera, Guadi Galego e Os Cempés, entre outros/as. Así mesmo, emprendeu numerosas viaxes para levar a música a México, Cimbabue, Alemaña, Uruguai, Italia, Perú, Dinamarca, Francia, Suíza, Arxentina, Noruega, Bélxica, Cuba, Escocia, Irlanda, etc.

No ano 2015 editou “The tambourine man” xunto ás Adufeiras de Salitre, galardoado como o mellor disco galego nos Premios de la Música Independiente (2016) e o mellor álbum na categoría de música tradicional dos Premios Martín Códax da Música Galega (2016). Con el tamén obtivo o premio á mellor canción en galego da primeira edición dos premios aRitmar. Alén diso, “The tambourine man”, permitiulle manterse no top ten da World Music Charts Europe nos meses de febreiro e marzo de 2016.

Chegou despois “Noró, Algunhas músicas do Norte” (Músicas de Salitre 2018) e unha extensa xira coa que, nos últimos anos, o grupo percorreu Noruega, Suecia, Francia, Bélxica, Escocia, Uruguai, Inglaterra ou Arxentina.

“As Catedrais silenciadas” (Músicas de Salitre 2020) é o terceiro e máis recente traballo coas Adufeiras de Salitre, un álbum que reflexiona sobre o despoboamento, o abandono do rural e o risco de perdermos a identidade e a cultura propia nunha sociedade como a galega.